O PSdeG denuncia o abandono do CEIP Virxe do Portal de Sobrado dos Monxes e reclama unha actuación urxente por parte da Xunta
- Silvia Longueira alerta do grave deterioro do centro, con filtracións, ventás en mal estado e problemas na cociña, nun municipio ademais en crecemento poboacional
O PSdeG denuncia o estado de abandono que sofre o CEIP Virxe do Portal de Sobrado dos Monxes e reclama á Consellería de Educación unha intervención urxente para poñer fin á situación que padece a comunidade educativa.
A deputada socialista no Parlamento galego Silvia Longueira advertiu do deterioro xeral dun edificio levantado nos anos 70 no que, segundo sinala, nunca se acometeron as actuacións estruturais que precisa. A este respecto, denunciou que o centro presenta problemas moi serios de conservación que afectan de maneira directa ao seu funcionamento diario.
“O colexio de Virxe do Portal está absolutamente abandonado”, sinala Longueira, que alerta de que as paredes filtran auga, as xanelas están moi deterioradas e permiten a entrada de auga nas aulas, ademais dos problemas graves existentes na cociña do centro.

A socialista lembra que esta situación non é nova e que xa quedou en evidencia nos últimos días coa mobilización das familias, que decidiron non levar o alumnado ao centro como medida de protesta polo estado das instalacións. Nesa mesma liña, o PSdeG xa levou esta problemática ao Parlamento galego para esixir explicacións e solucións á Xunta.
Dende o PSdeG-PSOE da provincia da Coruña consideran incomprensible que a Xunta continúe sen actuar ante unha infraestrutura educativa que leva décadas arrastrando deficiencias sen que se executen as melloras necesarias. Ao seu xuízo, trátase dunha mostra máis da falla de compromiso do Goberno galego co ensino público no rural.

Ademais, os socialistas inciden en que esta demanda resulta aínda máis urxente nun concello como Sobrado dos Monxes, no que a poboación está a medrar, polo que se fai imprescindible contar cun centro educativo en condicións dignas, seguras e adaptadas ás necesidades actuais.
Por todo iso, o PSdeG insta á Consellería de Educación a actuar de inmediato no CEIP Virxe do Portal, acometendo as reformas necesarias para resolver os problemas estruturais do edificio e garantir unhas condicións adecuadas para o alumnado, o profesorado e o conxunto da comunidade educativa.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS