O PSdeG denuncia no Parlamento a “situación dramática lamentable” das vivendas do IVS nas Telleiras de Narón tras trece anos de abandono
- O deputado Aitor Bouza esixe á Xunta que corrixa ”de inmediato” as condicións de insalubridade nas que viven as familias afectadas polo mofo e as humidades
O deputado do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, denunciou este martes na Cámara a “situación dramática” que viven as familias das vivendas de promoción pública do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) na rúa Telleiras de Narón, onde levan trece anos convivindo con humidades, filtracións e mofo sen que a Xunta de Galicia ofrecese unha solución efectiva.
Durante a súa intervención no pleno, Bouza mostrou imaxes publicadas na prensa nas que se aprecian as graves humidades no teito dunha das viviendas e preguntou aos responsables da Xunta: “Isto vos parecen unhas condicións nas que poder vivir? Leva así 13 anos nesta situación, nestas condicións que coñece a Xunta de Galicia pero non fixo nada”.
O deputado socialista realizou unha contundente reivindicación respecto ao que cualificou como “completamente lamentable por parte do IGVS” e de “algo no que é cómplice o Partido Popular”. Bouza subliñou que “hoxe queremos chamar a atención de que estas non poden ser as vivendas públicas que oferta e protexe a Xunta de Galicia, isto ten que corrixirse xa, non pode ser que despois de trece anos siga igual”.
Trece anos de problemas e abandono institucional
As 30 vivendas de promoción pública situadas no número 3 da rúa Telleiras, en Xuvia, foron entregadas en 2013 e desde entón presentan graves problemas estruturais que afectan á saúde dos seus habitantes. O edificio, que conta con 35 vivendas en total, das cales só 5 pertencen a propietarios particulares, sofre filtracións constantes, humidades xeneralizadas e presenza de mofo e fungos que provocan problemas respiratorios, especialmente en crianzas e persoas maiores.
A comunidade de propietarios presentou en marzo de 2025 unha reclamación formal ante o IGVS e mesmo asumiu un custo de 3.500 euros para a elaboración dun informe técnico que acreditase os danos. Con todo, o organismo autonómico non deu resposta efectiva nin asumiu a súa responsabilidade como propietario maioritario do inmoble.
A situación agravouse coa necesidade dunha derrama extraordinaria para abordar as reparacións urxentes, unha achega económica que o IGVS, propietario do 85% das vivendas, está a evitar pagar, deixando ás familias nunha situación de absoluta indefensión.
“Non é algo normal este mofo, é dramático”
Aitor Bouza foi especialmente contundente ao describir as consecuencias da inacción da Xunta: “Non é algo normal este mofo, é dramático ter que durmir nestas condicións lamentables”. O deputado apelou á responsabilidade institucional e reclamou medidas urxentes: “Poñamos solución de inmediato a que ningunha persoa no noso país teña que vivir nesta situación de insalubridade”.
O parlamentario socialista interpelou directamente aos responsables autonómicos: “Isto é a realidade que viven os veciños en Telleiras en Ferrol, isto parécelle permisible na nosa sociedade?”.
Propostas socialistas
Desde o PSdeG-PSOE esíxese á Xunta de Galicia que:
- Asuma de forma inmediata a súa responsabilidade como propietaria maioritaria do edificio.
- Proceda ás reparacións urxentes necesarias para garantir a salubridade das vivendas.
- Abone a derrama extraordinaria que lle corresponde e deixe de eludir as súas obrigacións económicas.
- Estableza un plan integral de actuación para solucionar definitivamente os problemas estruturais do edificio.
- Compense ás familias afectadas polos anos de sufrimento e os gastos asumidos.
Os socialistas insisten en que a vivenda digna é un dereito fundamental e que resulta “intolerábel” que a Administración autonómica manteña nunha situación de insalubridade a familias que residen en vivendas de promoción pública, precisamente aquelas que deberían garantir os máximos estándares de calidade e habitabilidade.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS