O PSdeG denuncia as condicións “tercermundistas” nas que se atopa o centro ocupacional Souto de Leixa en Ferrol
- Aitor Bouza reclámalle á Xunta unha rehabilitación integral do centro no Parlamento de Galicia
O Grupo Parlamentario Socialista denuncia a situación na que se atopa o centro ocupacional Souto de Leixa de Ferrol, especializado no apoio e atención a persoas con discapacidade.
“Dende o partido socialista non imos quedar calados, e levaremos a esta situación ao Parlamento de Galicia para que, de maneira inmediata, a Xunta de Galicia tome medidas extraordinarias e urxentes para que os usuarios e as usuarias e os traballadores e as traballadoras deste centro non teñan que padecer as inclemencias que estiveron relatando”, sinala o deputado Aitor Bouza.
O socialista lamenntou que ditas condicións “son absolutamente tercermundistas”, e esixiu, “dentro do que evidentemente son as competencias da Xunta de Galicia”, que se faga “de maneira urxente esta rehabilitación integral e tamén que se adopten medidas de maneira provisional mentres se acomete” a actuación.
Bouza reclamou “que a Xunta de Galicia de Rueda non mire cara outro lado” e que “teña o foco posto onde ten que poñelo, na política social, nunha política social de calidade”.
Sinalou tamén a necesidade de que “os centros de atención á discapacidade estean en condicións óptimas e, evidentemente, que se doten de partidas orzamentarias suficientes para que esta rehabilitación poida ser unha realidade”.
O deputado demandou que “todas as persoas que traballan, que conviven, que viven neste centro de atención á discapacidade podan facelo en condicións de dignidade, cuestión que para nós é fundamental”.
Concluíu lamentado que “o señor Rueda, como sempre, volve a mirar cara outro lado”, especialmente no referente á política “e tamén para Ferrol”. A proposición socialista insta a impulsar de maneira inmediata a redacción e execución do proxecto de rehabilitación integral, adoptar urxentemente medidas provisionais, habilitar de forma inmediata os recursos necesarios nos Orzamentos da Xunta ou establecer un mecanismo de coordinación e seguimento coas persoas usuarias, coas súas familias, co persoal do centro e coas entidades do ámbito.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS