O PSdeG denuncia a masificación e falla de seguridade nas liñas de autobús Coruña-Betanzos e Betanzos-Miño
- A parlamentaria socialista Silvia Longueira trasladará formalmente á Xunta as imaxes rexistradas nestas liñas como proba do incumprimento dos estándares mínimos
O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña manifesta a súa “profunda preocupación ante a deterioración do servizo de transporte metropolitano en varias liñas clave da área coruñesa, especialmente Coruña-Betanzos e Miño-Betanzos, onde nos últimos días se rexistraron situacións de masificación extrema”.
Así o sinalou a deputada socialista no Parlamento galego Silvia Longueira, que afirmou que, segundo denuncian persoas usuarias, estas liñas están “peor que nos anos 70”, con frecuencias insuficientes e vehículos saturados en horas punta”.
“As imaxes difundidas por veciños e concellos, nas que se ven persoas tanto novas como maiores de pé ou sentadas en escalóns, evidencian que se vulnera o dereito a unha mobilidade pública de calidade, segura e digna”, lamenta a socialista.
“É por isto polo que desde agora pedimos que haxa un aumento de frecuencias nas liñas, así como un análise técnico e social das modificacións que no ano 2020 se levaron a cabo e que están causando graves disfuncións”, avanzou.
Tamén reclamou “seguridade dentro dos propios autobuses e un diálogo permanente cos concellos para identificar as necesidades e dar así un bo servizo a todos os veciños e veciñas”.
Dende o PSdeG-PSOE Provincial reclamarán tamén garantías de seguridade para o alumnado, especialmente nos traxectos escolares integrados en liñas regulares.
“O transporte público metropolitano debe ser unha ferramenta de cohesión social, equidade territorial e sustentabilidade, non unha fonte de frustración e risco”, indica Longueira. “Galicia non pode permitirse que persoas maiores e novas viaxen en condicións indignas por falta de planificación e vontade política”, engade.
“O PSOE reitera o seu compromiso cunha mobilidade pública segura, accesible e eficiente, e ponse ao dispor dos municipios afectados para canalizar as súas demandas ante as institucións competentes”, apuntou tamén a parlamentaria socialista. Dende o Grupo Parlamentario Socialista trasladarán formalmente á Xunta as imaxes rexistradas nestas liñas como proba do incumprimento de estándares mínimos de calidade e seguridade.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS