O PSdeG defende a educación pública e acompaña á comunidade educativa de Rianxo na súa loita
Os socialistas da provincia participaron esta mañá na concentración convocada pola Coordinadora de ANPAS en Rianxo, unha mobilización que reuniu a familias, alumnado e profesorado en defensa da educación pública e en contra dos recortes que a Xunta de Galicia está a aplicar nos centros educativos da comarca do Barbanza.
A marcha partiu do peirao de Rianxo e percorreu as rúas principais da vila até a Praza Castelao, onde se leron os manifestos reivindicativos. Baixo o lema “Na defensa dunha Educación Pública xusta e igualitaria”, a comunidade educativa quixo denunciar a perda de recursos humanos e materiais que sofren os CEIP e IES da contorna.
As deputadas e deputados socialistas quixeron arroupar as ANPAS e ao conxunto da comunidade educativa. Así, estiveron presentes a deputada Patricia Iglesias e o deputado Aitor Bouza, que quixeron mostrar co seu apoio o compromiso do PSdeG coa defensa da educación pública.
Iglesias destacou que “hoxe os socialistas de Galicia estivemos en Rianxo na concentración que convocaron as ANPAS polos recortes educativos que se están a suceder en todos os CEIP e IES desta comarca”.
A deputada criticou duramente a actitude do conselleiro de Educación, a quen acusou de “mirar para outro lado porque nin sequera reciben no seu despacho as ANPAS para escoitar as súas reivindicacións, unha mostra clara da falta de empatía e sensibilidade coa educación pública”.
Iglesias lembrou que a redución de profesorado, a masificación de aulas e a supresión de apoios especializados son decisións que afectan directamente á calidade da aprendizaxe e á igualdade de oportunidades do alumnado. Os socialistas defenden que o Goberno galego non pode tratar a escola pública como un gasto a recortar, senón como un investimento fundamental para o futuro do país.
Desde o grupo socialista no Parlamento de Galicia, Iglesias avanzou que se esixirá formalmente ao Executivo autonómico que poña fin a estes recortes, que, segundo advertiu, “xa se están convertendo en algo habitual no inicio de curso”.
O PSdeG reiterou así o seu compromiso coa comunidade educativa, acompañando ás familias, profesorado e alumnado na defensa dunha escola pública de calidade, inclusiva e igualitaria.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS