O PSdeG de Zas impulsa o Premio Isabel Suárez Amado para “seguir co seu legado”
- Sheila Rial anunciou o premio na homenaxe a Suárez Amado celebrada na Casa do Pobo do municipio
O PSdeG-PSOE de Zas pon en marcha o Premio Isabel Suárez Amado, co obxectivo de “seguir co seu legado e mantela sempre no recordo, a modo de homenaxe permanente”.
Así o deu a coñecer a secretaria xeral da agrupación socialista local Sheila Rial durante o acto de homenaxe a Suárez Amado celebrado na Casa do Pobo. “Será un recoñecemento que levará o nome de Isabel e que se outorgará cada ano”, avanzou.
A distinción será entregada “a unha persoa que realmente o mereza, unha persoa que, en honra do nome deste premio, a través da cultura, do deporte, da política, do asociacionismo ou da tradición, traballase, traballe e siga traballando por transformar a vida de Zas”.
“Este recoñecemento leva impreso a Isabel, leva o seu nome e o seu deseño é unha I, que ademais de ser polo seu nome, simboliza a forza, o camiño, andado e o labor realizado”, explica Rial. “Unha I que se converte no talo dunha rosa, simbolizando a esperanza, o amor, a igualdade, a lealdade e a esta familia da que sempre formará parte”, engade.
A primeira edición deste premio foi para a propia Suárez Amado “polo seu gran traballo, por ser un exemplo para a comunidade, por desempeñar a súa labor con lealdade e sacrificio, pola súa alegría e para agradecerlle absolutamente todo o que fixo”, e foi recollido por súa nai Élida.
A homenaxe celebrada o pasado sábado contou coa participación de veciñas e veciños, familiares, amigos e amigas, compañeiras e compañeiros de partido. Foi un acto “respectuoso, afectuoso e emotivo”, no que ademais de Sheila Rial interviron Rosa Arcos, secretaria xeral da asociación de mulleres rurais FADEMUR, e Bernardo Fernández, secretario xeral do PSdeG Provincial.
Tamén estiveron presentes Silvia Longueira e Aitor Bouza, membros do Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento galego. Ademais, compañeiros e compañeiras do grupo de Sen Tempo Teatro e de San Cremenzo, así como excandidatos socialistas de Zas que compartiron lista con Suárez Amado, participaron nun vídeo que serviu como homenaxe audiovisual á zaseira.
Sheila Rial agradeceu a presencia de todas e todos por “acompañar neste acto e compartir este momento tan bonito e de respecto e cariño”, destacando en especial “á súa nai, Élida, por permitirnos facer a homenaxe e polo cariño e o apoio recibido, e á propia Isabel, por todo o feito e polo legado que deixa”. O premio Isabel Suárez Amado será outorgado anualmente por estas datas, celebrando tamén o Día da Muller Rural. “Despois de toda a súa dedicación como muller do rural que adicou a súa vida a mellorar a súa vila, a facer comunidade e a deixar pegada, isto non podía quedar nun só día, mereceo porque é un exemplo a seguir”, conclúe Rial.




Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS