O PSdeG de Ribeira levará a pleno a construción dunha pasarela na praia do Prado para mellorar a conexión peonil en Corrubedo
- Os socialistas defenden que a actuación permitirá unir de forma máis directa varias rúas, mellorar a accesibilidade universal e dar resposta a unha necesidade real da veciñanza
O PSdeG de Ribeira defenderá no próximo pleno unha proposición para aprobar a construción dunha pasarela na praia do Prado, en Corrubedo, coa finalidade de conectar de maneira máis directa a rúa Prado, a rúa Atalaia, a rúa Bandariarrego, a Travesa do Torreiro e a rúa Torreiro. Para os socialistas, trátase dunha actuación necesaria para mellorar a mobilidade peonil nun ámbito que na actualidade presenta limitacións evidentes e que obriga a moitos veciños e veciñas a realizar rodeos innecesarios.
Desde o Grupo Municipal Socialista subliñan que esta proposta non responde a un criterio estetico, senón á vontade de resolver unha carencia real do espazo público e avanzar nunha conexión máis cómoda, segura e accesible entre distintos puntos de Corrubedo. “Estamos falando dunha actuación útil, pensada para o día a día da veciñanza, que permitiría mellorar de forma clara a comunicación dentro da parroquia”, sinalou o portavoz socialista, Francisco Suárez-Puerta.
Os socialistas destacan ademais que a pasarela tería unha importancia especial desde o punto de vista da accesibilidade universal, xa que o paso por esta zona non ofrece hoxe unha alternativa axeitada para persoas maiores, con mobilidade reducida, diversidade funcional ou familias con carriños infantís.
Para o Grupo Municipal Socialista, esta é unha actuación útil, necesaria e de impacto directo na vida diaria da veciñanza, polo que defenderá a súa aprobación no pleno.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS