Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Oroso lamenta que o PP local “despreza o investimento da Deputación de 638.000€ pero agradece o de 268.000€ da Xunta” na Avenida da Grabanxa

–Luís Rey sinala que ó alcalde Álex Doval rexeitou acudir á recepción do presidente da Deputación en 2023 “dicindo que era un acto de propaganda do PSOE” 

–“Pola contra, recibe con eloxios á conselleira Ánxeles Vázquez por anunciar un aporte da Xunta moito menor”, lamenta 


O PSdeG-PSOE de Oroso lamenta a “hipocresía” do Goberno local respecto dos investimentos comprometidos pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia na mellora da avenida da Grabanxa. 

“En maio de 2023, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, acudiu a Oroso para comprometer un investimento de 518.548€ nesta obra, á que posteriormente lle sumaron outros 120.000€ máis”, explica o voceiro socialista Luís Rey. 

Porén, lembra que o actual alcalde Álex Doval non tivo entón “a decencia de asistir á recepción, dicindo que era un acto de propaganda do PSOE, cando viña para traer cuantiosos investimentos no municipio”. “Así o recolle a prensa daquelas, foi un desplante”, indica. 

“Agora, pola contra, recibe con eloxios á conselleira Ánxeles Vázquez por anunciar un aporte da Xunta moito menor, amosando que é el quen fai un uso partidista das institucións”, critica o socialista. “Nin sequera convidou á Deputación ao acto”, engade. 

“Aplaudimos que a Xunta de Galicia colabore con este proxecto, o que non aplaudimos é a actitude do alcalde, que despreza o investimento da Deputación de 638.000€ pero agradece o de 268.000€ da Xunta de Galicia por intereses propagandísticos”, subliña Rey. 

Ademais, o voceiro socialista destaca que “cando o PSOE gobernaba a Xunta nin respondía ás nosas solicitudes de reunión, mentres que a Deputación atendeu a Doval dende o momento no que foi investido, neste caso ata aumentaron o investimento inicialmente previsto”.  “Deste xeito demóstranse os diferentes xeitos de facer política do PP e do PSOE, un sectario e outro en beneficio da cidadanía”, conclúe Rey.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes