Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Curtis reclama a creación inmediata da Policía Local ante a “falta de seguridade” no municipio

  • Os socialistas consideran insuficientes as actuacións do goberno local en materia de seguridade e piden iniciar os trámites para dotar ao concello dun corpo policial propio

O PSdeG de Curtis reclama a creación dunha Policía Local no municipio e pediu ao goberno local que impulse os trámites necesarios para poñer en marcha este servizo.

Desde a agrupación socialista consideran que Curtis e Teixeiro “carecen de medios suficientes en materia de seguridade” e sinalan que se trata dun municipio que conta cun polígono industrial, o que require unha maior presenza policial.

O secretario xeral do PSdeG de Curtis, Fernando Rey Leira, criticou que o alcalde “continúe trasladando a responsabilidade exclusivamente á falta de efectivos da Garda Civil” e asegurou que “o Concello tamén pode adoptar medidas propias para reforzar a seguridade”.

Segundo a información recollida nun documento sobre a situación dos efectivos na provincia, incrementáronse en 100 os postos de traballo no catálogo da Comandancia da Coruña. No texto tamén se indica que este aumento constitúe un primeiro paso para que futuras ofertas de emprego público permitan incrementar progresivamente o número de efectivos destinados aos municipios da provincia.

Fernando Rey Leira asegurou que “os veciños de Curtis e Teixeiro levan tempo trasladando preocupación pola falta de seguridade” e insistiu en que “o Concello non pode limitarse a pasar a responsabilidade a outras administracións mentres o municipio segue sen Policía Local”.

De feito, segundo sinalan os socialistas, hoxe mesmo producíronse actos vandálicos en propiedades privadas do municipio, unha situación que, segundo indican, volve poñer de manifesto a falta de medios de seguridade en Curtis e Teixeiro.

Fernando Rey Leira afirmou que “os veciños non teñen unha atención presencial inmediata nin medios suficientes no propio municipio para presentar denuncias”, e criticou que “teñan que desprazarse ata Betanzos para realizar este tipo de trámites”. O secretario xeral socialista criticou ademais que, ao seu xuízo, “o alcalde limítase a ir xunto ao subdelegado do Goberno para sacar a foto e pouco máis”, e afirmou que “non existe unha actuación real para afrontar os problemas de seguridade que existen no municipio”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes