O PSdeG de Coristanco presenta varias emendas á ordenanza do SAF para “garantir a calidade do servizo”
-O voceiro socialista José Manuel Pérez Abelenda fai unha serie de achegas á ordenanza co obxectivo de “mellorar a atención á veciñanza e protexer ás traballadoras”
O PSdeG-PSOE de Coristanco presenta un conxunto de emendas á nova ordenanza do SAF proposta polo Goberno municipal. O portavoz socialista local José Manuel Pérez Abelenda fixo varias achegas á mesma na Comisión Informativa de Facenda.
“Resulta curioso que, ante as achegas do PSOE na Comisión, o alcalde, en vez de recoller as achegas feitas, decidira deixar a súa propia proposta encima da mesa”, sinala o voceiro socialista.
Pérez Abelenda explica que as propostas socialistas “buscan mellorar a atención aos usuarios e usuarias, garantir a calidade do servicio e reforzar tamén as garantías para as persoas que prestan o servicio”. “O actual texto da ordenanza, tal como foi presentado polo Goberno municipal, está a rozar a ilegalidade”, advirte.
Segundo manifesta o portavoz socialista, as emendas do Grupo Municipal Socialista abordan “aspectos clave como a extinción do servizo ou as tarefas do persoal, así como a posible responsabilidade que puideran ter tal e como está redactada a actual ordenanza”.
Entre as principais emendas estarían a eliminación como tarea básica da “Administración de medicamentos” ou a eliminación como causa de extinción do servizo “a reorganización do servizo debido a falta de orzamento do exercicio”.
Tamén se inclúe a condición de que, no caso de que se realicen acompañamentos fóra do domicilio, será tarefa do ou da auxiliar de axuda no fogar “o acompañamento únicamente a dita persoa, e o persoal auxiliar non poderá trasladar no seu vehículo propio ás persoas usuarias”. “Dende o Partido Socialista esperamos que as achegas sexan escoitadas e que, tras o debate en próxima sesión plenaria, as emendas sexan aprobadas e se modifique e actualice a ordenanza para que se siga prestando un servizo axeitado, para mellorar a atención á veciñanza e protexer ás traballadoras”, conclúe Pérez Abelenda.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS