Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Coristanco critica a improvisación e o engano do goberno do PP

O PSdeG de Coristanco critica con dureza a forma de actuar do goberno municipal do Partido Popular, que vén de convocar un pleno extraordinario “con présa e sen planificación” unicamente para tapar un requirimento da Deputación da Coruña e incluír un proxecto “amañado e fóra de tempo” que non resolve os problemas reais da parroquia de Verdes.

Segundo explica o voceiro socialista, José Manuel Pérez Abelenda, o proxecto presentado polo alcalde implica expropiacións a veciños e non atende a principal demanda da zona: mellorar os accesos ao refuxio de Verdes.

“O que precisan os veciños é facilitarlles o día a día e que os visitantes poidan chegar ao refuxio en boas condicións, non obras de escaparate que non solucionan nada”, sinala Pérez Abelenda.

Os socialistas lembran que o proxecto está redactado desde setembro de 2024, pero o alcalde mantívoo agochado durante meses, sen actuar nin informar.

“Tiveron tempo dabondo para facer as cousas ben, pero agora, a última hora, sácano do caixón só para poder pedir diñeiro á Deputación. Iso non é gobernar, é enganar á veciñanza”, denuncia o voceiro socialista.

O PSdeG acusa o PP de gobernar a base de parches e improvisacións, de costas á cidadanía e sen proxecto de futuro. “O alcalde e o seu equipo non gobernan para a xente, senón para cubrir expediente e saír na foto. Unha vez máis demostran a súa incapacidade e a falta de compromiso coa parroquia de Verdes, algo que xa se ve na situación do refuxio”, conclúe Pérez Abelenda.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes