Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Cariño denuncia a “inacción e deixadez” do Concello coas obras e subministracións do POS+ da Deputación

  • Jonathan Miranda critica a paralización de proxectos como a reforma de varias rúas, a iluminación no campo de fútbol ou a rehabilitación de parques infantís

A Agrupación Socialista Local de Cariño denuncia “a inacción e deixadez do goberno municipal ao respecto das obras e subministracións do POS+ da Deputación da Coruña”.

O voceiro do PSdeG cariñés Jonathan Miranda sinala que a institución provincial “ten aprobados para o Concello de Cariño máis de 1,2 millóns de euros en obras e subministracións que o goberno municipal non é capaz de sacar adiante”.

Miranda lamenta que “ningún dos proxectos solicitados á Deputación neste mandato foi licitado”, poñendo como exemplos o proxecto das rúas Río Miño, Sor e Sanchola e o proxecto da iluminación do campo de fútbol municipal.

A actuación nas rúas Río Miño, Sor e Sanchola foi aprobada pola Corporación anterior e procedeuse a licitación da mesma. Porén, en decembro de 2023 quedou deserta, polo que os técnicos recomendaron facer unha modificación do proxecto.

“O Goberno Municipal tardou 2 anos en presentar o novo proxecto, incrementándose o coste do mesmo en máis de 21.000€ que terá que poñer o Concello”, advirte o portavoz socialista.

Miranda puxo tamén como exemplo a iluminación do campo de fútbol municipal. O Pleno aprobou en setembro de 2025 a solicitude da súa inclusión no POS+, e en outubro de 2025, a Deputación pediu ao Concello que realizara varias modificacións no proxecto.

“Desde ese momento, e xa van 7 meses, non se fixo nada”, lamenta o socialista. “No último Pleno preguntamos pola situación e o goberno municipal recoñeceu que non se avanzou na modificación e que non eran capaces de que a empresa redactara os cambios solicitados”, engade.

Entre outras obras incluidas no POS+ están a reforma de varias rúas, a subministración dunha varredora, a reforma do campo de fútbol ou a rehabilitación dos parques infantís.

“Esiximos ao goberno municipal que se poña a traballar nestas obras e subministracións, que na maior parte están financiadas íntegramente pola Deputación da Coruña”, conclúe Miranda.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes