Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Cabanas reclama un pleno extraordinario sobre o cobro no aparcadoiro da Praia da Madalena

  • O Grupo Municipal Socialista presentou por rexistro a solicitude dun pleno no que proporán a suspensión cautelar da aplicación do prezo público do aparcadoiro

O PsdeG-PSOE de Cabanas solicita por rexistro xeral a convocatoria dun pleno extraordinario, no prazo máximo legal de 15 días hábiles, para tratar a cuestión do cobro do prezo público no aparcadoiro da Praia da Madalena.

Dende o Grupo Municipal Socialista inclúen na solicitude unha proposta de orde do día que comezaría cunha comparecencia da Alcaldía para informar da data de inicio efectivo do cobro, a publicidade do mesmo ou os informes que avalan a súa entrada en vigor.

Así mesmo, neste pleno debatiríase a moción do PsdeG sobre a suspensión cautelar da aplicación do prezo público do aparcadoiro e a revisión da súa legalidade.

Dende o grupo socialista reclaman tamén información sobre procedementos contencioso-administrativos en curso relacionados co aparcadoiro e previsións de responsabilidade patrimonial para o Concello.

Finalmente, tamén piden a comparecencia do alcalde e da concelleira de Medio Ambiente para dar conta da xestión do piñeiral da Madalena, dada a “necesidade de control periódico pola presenza de árbores con risco estrutural grave”.

A voceira socialista local Beatriz Carbón, que asina a solicitude xunto a Fran Romero e Conchi Rodríguez, esixe ao concello que “atenda esta petición para coñecer e debatir sobre esta xestion que tanto preocupa á veciñanza e á xente que nos visita nos meses no que o aparcadoiro está en funcionamiento”. “É fundamental que funcione do xeito máis correcto e beneficioso para todos e todas”, conclúe.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes