O PSdeG da Laracha denuncia os problemas de seguridade derivados da ausencia de Policía Local no concello
-A voceira socialista local Inés Ramos López lamenta que “xa que a semana pasada entraron a roubar no Concello, e ao día seguinte no IES Agra de Leborís”
O PSdeG-PSOE da Laracha segue a denunciar a situación da Policía Local no municipio, que conta agora mesmo con 0 axentes en activo mentres a negociación entre o Concello e os axentes segue estancada.
“Dende o Grupo Municipal Socialista da Laracha seguimos con bastante preocupación a situación, xa que dende o mes de maio non temos Policía Local”, explica a voceira socialista local Inés Ramos López. “Incorporáronse en verán 3 auxiliares, pero 2 terminaron esta semana o seu contrato e un deles tivo que coller a baixa por mor dun accidente”, indica.
A socialista lamenta que “isto deriva en problemas de seguridade graves, xa que a semana pasada entraron a roubar no Concello, e ao día seguinte no IES Agra de Leborís”.
“Imaxinamos que o próximo será que entren a roubar nas casas dos veciños e veciñas, porque se xa se atreven a entrar a roubar no Concello sen que isto teña ningún tipo de consecuencia, entendemos que a situación se irá agravando”, denuncia a voceira.
Ramós López sinala que “o alcalde se nega a negociar cos axentes, non acude ás mesas de negociación”, engadindo que “ten unha actitude ditatorial e intransixente”. “Di que todo o que ocorre na laracha para él non ocorre, nega todo o que para a veciñanza é unha realidade que estamos vivindo e que é bastante preocupante”, subliña a concelleira.
Puxo como exemplo que “no último pleno negaba que houbese problemas de tráfico, negaba que houbese problemas de seguridade, negaba tamén que houbese problemas nas manifestacións que se celebraron no IES Agra de Leborís co tema do tráfico”.
“Ademais, dixo que non se vai rebaixar a negociar coa Policía Local, cando o traballo de todo o alcalde é negociar, falar e entenderse que as persoas que traballan ao seu cargo”, critica.
“Non sabemos que ten que pasar para que o alcalde decida sentarse e falar con eles, facer o seu traballo, en definitiva, poñer fin a esta situación que non xera máis que problemas para todos os veciños e veciñas”, indica Ramos López.
“Agora mesmo se tes un problema non vai haber Policía Local porque non hai ningun axente traballando, terías que chamar á Garda Civil de Carballo, que ao mellor ten que vir dende outros concellos como Coristanco”, salienta.
Ademais, a voceira socialista destaca que dende o ano 2022 está adxudicada a elaboración da RPT a unha empresa privada: “Xa denunciamos outras ocasións que este traballo podería facelo un técnico do Concello, podendo aforrar esta cantidade”. Para a socialista, en definitiva, “todo se debe á gran incapacidade de negociación e de comunicación que ten o noso alcalde”. “Debería deixar esta actitude dictatorial a un lado é acudir ás mesas de negociación en lugar de mandar a outros concelleiros no seu lugar”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS