Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG da Coruña apoia ás familias do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco na súa loita polo dereito ao comedor escolar

-Denuncian que a falta de previsión da Consellería de Educación deixou a decenas de nenos e nenas sen acceso ao servizo, malia teren desfrutado del en cursos anteriores


O PSdeG-PSOE da provincia da Coruña manifestou o seu apoio ás reivindicacións das familias do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, no concello da Laracha, que se concentraron o pasado martes 22 diante da Casa do Concello para esixir solucións ante a redución de prazas no comedor escolar.

Segundo denuncian as nais e pais do alumnado, a falta de previsión da Consellería de Educación provocou que o centro conte cun único comedor de dimensións insuficientes, que, mesmo organizando turnos dobres, só permite atender a 71 alumnos e alumnas.

Esta situación derivou en que varios nenos e nenas que viñan facendo uso do servizo durante os últimos anos perderan o dereito a continuar accedendo ao comedor.

Por outra banda, as familias tamén reclamaron a presenza dunha coidadora a tempo completo no centro. Consideran incomprensible que este perfil profesional se reparta entre varios colexios, cando as necesidades educativas específicas dalgúns alumnos requiren atención continua durante os cinco días da semana lectiva.

Desde o PSdeG alertan de que esta problemática non é un caso illado. “Case seis de cada dez alumnos e alumnas de Infantil e Primaria na provincia da Coruña non teñen dereito a comedor escolar”, advertiu Xosé Lois García Carballido, secretario de Educación e FP na Executiva Provincial socialista.

Carballido sinalou ademais que a recente modificación das bases dos comedores escolares por parte da Xunta supón un recorte encuberto nos recursos destinados á conciliación familiar e ao dereito á educación, ao excluír a moitas familias deste servizo básico.

“En moitos centros como o Alfredo Brañas de Paiosaco, que protestou o martes na Laracha, nenos e nenas que desfrutaron de comedor nos anos anteriores perderon agora este dereito”, asegurou Carballido.

Os socialistas da comarca, entre eles o propio Carballido e José Manuel Abelenda, achegáronse ata a concentración para mostrar o seu apoio ás ANPAS. “Falamos coa presidenta da ANPA, Irene Y Grela, e imos reunirnos co secretario provincial e cos parlamentarios para darlle todo o noso apoio ás familias e traballar para que o curso non comece sen as prazas de comedor que se necesitan”, sinalaron. Desde o PSdeG esixen á Xunta de Galicia unha solución inmediata para garantir que todo o alumnado do CEIP Alfredo Brañas e doutros centros en situación semellante poida acceder ao comedor escolar en igualdade de condicións, e que se doten os recursos humanos necesarios para atender adecuadamente ao alumnado con necesidades educativas especiais durante toda a semana.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes