O PSdeG cualifica de “decepcionante” o balance dos 2 anos de goberno de Rueda para a cidade da Coruña
- Bernardo Fernández Piñeiro salientou “a “incapacidade do propio Partido Popular na cidade da Coruña para facer ningún tipo de intermediación cos seus compañeiros na Xunta”
O PSdeG-PSOE realizou o seu balance dos dous anos de goberno de Alfonso Rueda na Xunta de Galicia, un balance que o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro calificou de “decepcionante”.
O socialista afirmou, nunha rolda de prensa conxunta coa parlamentaria socialista Silvia Longueira e o portavoz municipal José Manuel Lage, que “a Xunta de Galicia amosa un ano máis que non está comprometida con esta cidade”.
Criticou a un goberno galego que “non cumpre os compromisos que ten adquirido, que segue sen apostar pola aquelas grandes cuestións que lle foron trasladadas dende o Concello da Coruña e que afectan directamente á vida dos coruñeses e as coruñesas”.
Ademais, quixo salientar a “incapacidade do propio Partido Popular na cidade da Coruña para facer ningún tipo de intermediación cos seus compañeiros na Xunta de Galicia”.
“Temos a un Partido Popular nesta cidade moi reivindicativo con todas as administracións e certo con aquela que goberna e que ten a capacidade orzamentaria e dende o punto de vista das competencias”, indica Fernández Piñeiro, “para poder mellorar en moito a vida dos cidadáns desta cidade”.
“É o concello o que está poñendo a disposición da Xunta terreos para esa vivenda pública, pero hai que lembrar que había un compromiso de Alfonso Rueda, hai 2 anos de crear nesta lexislatura 8.000 vivendas en Galicia”, engade o socialista.
Lembra que “a día de hoxe foron 5 as creadas no ano 2.024 e 150 no 2025, é dicir 155 vivendas públicas en 2 anos fronte a 8.000 que se prometían para 4”.
“Vai ter que apurarse moito neste caso a Xunta de Galicia para poder cumprir minimamente oseu obxectivo”, apunta o secretario xeral provincial, que lembra que a vivenda é “a principal preocupación da cidadanía”.
“Non hai unha vontade real de a Xunta de Galicia nin por habilitar vivenda pública nin tampouco por explorar e ampliar a vía do do banco de alugueiro”, denuncia Fernández Piñeiro, “condeando a moitísimas familias que non teñen capacidade económica, sobre todo nesta cidade, para poder adquirir unha vivenda ou pagar un alugueiro, a vivir nunhas infravivendas”.
Concluíu a súa intervención lamentando que a Xunta aposte por “un modelo privado que loxicamente deixa á marxe do acceso á vivenda, que é un dereito consagrado na constitución española, a unha parte moi importante da nosa cidadanía”.
Pola súa banda, Silvia Longueira salientou que a Xunta de Galicia tampouco é “quen de facerse cargo de todas as infraestruturas que lle competen” en materia educativa, citando “a reforma dos CEIP, dos IES, que están realmente na cidade nun momento de colapso”.
Longueira precisou que estas infraestruturas “están sendo sostidas basicamente polo orzamento do Concello”, calificando a situación de “unha eiva importantísima”.
Subliñou tamén que “16 millóns de euros vai poñer o Concello da Coruña para solventar o Servizo de Axuda no Fogar porque a Xunta non é quen de facerse cargo do que lle toca”.
Finalmente, José Manuel Lage destacou que “segue existindo unha débeda histórica da Xunta de Galicia coa cidade da Coruña, e segue sendo unha asignatura pendente de Rueda resolver esta débeda histórica coa nosa cidade”.
Recalcou a necesidade de que a Xunta “invista moito mais nos servizos públicos da cidade, e singularmente nos centros de saúde, hai que ver como están”, xa que “as listas de espera para atención primaria son absolutamente insoportables”. “Precísase máis persoal sanitario e tamén precisamos novos equipamentos para atender aos novos barrios e o crecemento de poboación que está tendo a cidade da Coruña”, finalizou.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS