O PSdeG celebra o investimento do Goberno central na nova comisaría de Ferrol e pide colaboración ao Concello en políticas de vivenda e a Cidade da Xustiza
- Ángel Mato afirma que o alcalde Rey Varela “minte cada vez que di que o goberno non está a cumprir coas políticas de vivenda na cidade de Ferrol”
O PSdeG-PSOE puxo en valor o investimento de máis de 7 millóns de euros que o Goberno de España realizará en Ferrol para a construción dunha nova comisaría de policía para Ferrol e Narón no antigo cuartel Sánchez Aguilera.
Ángel Mato, voceiro socialista local, e Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia, ofreceron unha rolda de prensa na que celebraron o anuncio do investimento e recalcaron na necesidade de afondar na colaboración entre institucións de cara a conseguir que este e outros investimentos para Ferrol se convirtan nunha realidade.
“O goberno, consciente da necesidade que ten de mellorar se ese espacio para a cidade de Ferrol foi quen de incorporalo nos orzamentos”, destacou o voceiro socialista, que salientou “o cumprimento que fai o goberno do Estado” das demandas da cidade.
Mato sinalou que o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, “apresurouase a dicir que traballara cóbado con cóbado co ministerio, algo que podo dicir dende aquí que, si se tivese feito con moita máis axilidade, hoxe esa comisaría non soamente tería unha dotación orzamentaria, senón que probablemente estaría en fase de redacción de proxecto”.
De feito, quixo pedir ao actual rexedor “encarecidamente que faga exactamente o mesmo que fixen eu como alcalde coa Cidade da Xustiza, que tamén está incorporada no Sánchez Aguilera e sobre todo coas políticas de vivenda”. Para Mato, Rey Varela “minte cada vez que di que o goberno non está a cumprir coas políticas de vivenda na cidade de Ferrol”.
“O único que é evidente é que non se pode facer é o mesmo que xa se fixo co Bertón”, destaca o socialista. “O Bertón leva urbanizado dende o ano 2011 practicamente e agora resulta que con este novo cambio de goberno en Ferrol se están a facer vivendas, pero claro, é que o Sánchez Aguilera aínda non ten un proxecto aprobado de urbanización, deixando claras as prioridades que ten ao alcalde de Ferrol”, engade.
O voceiro socialista recalcou que a construción da comisaría era “unha necesidade evidente”, pero que a súa construción avanza “a pesar do goberno do señor varela que fai de todo menos traballar”.
Pola súa banda, Pedro Blanco quixo salientar que “é preciso dar unha serie de pasos, como pode ser en primeiro lugar, a cesión do solar ou do terreo”. “Unha vez que se faga a cesión por parte do Concello do terreo ó Ministerio de Interior será o momento en que poidamos empezar a redacción do proxecto”, subliña.
“Nós queremos facelo canto antes”, indicou, engadindo a continuación que a nova comisaría será “similar en canto a tamaño á de Lugo”. Aínda que esta última “é unha comisaría provincial e neste caso, falamos dunha comisaría local Ferrol-Narón, é verdade que pola dimensións da propia poboación atendida vai ser unha comisaría aproximadamente do mesmo tamaño”.
“Existen elementos que non dependen exclusivamente da vontade nin da Delegación do Goberno nin dende logo do Ministerio do Interior”, destacou, pero,”se todo vai ben, entre a cesión do solar, a redacción do proxecto e a licitación e a construción poderemos ver que, se todo vai ben, a finais do próximo mandato poderiamos proceder a inaugurala”.
Quixo afondar en que se trata dun “traballo de hai moito tempo que estaba practicamente ultimado”, lembrando que a última visita de Ángel Mato como alcalde de Ferrol foi ao entón xefe superior de Policía para avanzar neste proxecto. “Trátase dunha serie de infraestruturas que neste caso estamos inaugurando e poñendo en marcha en Ferrol”, conclúe Blanco, poñendo unha vez máis en valor “ese traballo previo que se ven facendo durante moito tempo”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS