Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG alerta da perda de recursos para Vimianzo provocada pola repotenciación dos parques eólicos e reclama modificar o canon

  • Patricia Iglesias e Mónica Rodríguez reúnense no municipio para analizar esta cuestión de cara a trasladarllo ao Parlamento de Galicia e á Xunta

Patricia Iglesias Rey, deputada socialista no Parlamento galego, mantivo unha xuntanza coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, para analizar o impacto que a repotenciación dos parques eólicos terá sobre os recursos que recibe o concello.

“Vimianzo é un exemplo claro do problema, os parques eólicos actualmente instalados no municipio representan 88 aeroxeradores e máis de 123 MW de potencia, con instalacións como Monte Redondo, que concentra 66 aeroxeradores e 49,5 MW”, explica a parlamentaria socialista.

“Vimianzo leva décadas soportando no seu territorio os impactos dos parques eólicos e agora corre o risco de que a repotenciación reduza os recursos públicos que recibe, sen que desaparezan esas afeccións territoriais”, advirte Iglesias Rey.

A deputada sinala que o problema está directamente relacionado coa modificación do canon eólico aprobada pola Xunta, que cambiou a súa base de cálculo e, ao mesmo tempo, co modelo de repotenciación que reduce o número de aeroxeradores ao substituílos por máquinas de maior potencia.

As simulacións realizadas sobre os parques que están entrando neste proceso apuntan a unha perda de recadación que pode chegar ao 64%, o que tería unha consecuencia directa sobre os recursos do Fondo de Compensación Ambiental e, polo tanto, sobre os concellos afectados.

“É difícil de explicar que con menos aeroxeradores se poida producir máis enerxía e aumentar a rendibilidade das instalacións, pero que os concellos que acollen eses parques poidan acabar recibindo menos recursos públicos”, indica a socialista.

Para o PSdeG, a repotenciación non debe ser o problema; o problema é facela sen garantir o retorno económico aos territorios. Por iso reclama á Xunta unha modificación do canon eólico que adapte a fiscalidade á nova realidade tecnolóxica dos parques e garanta que concellos como Vimianzo non perdan capacidade económica como consecuencia dunha decisión sobre a que non teñen capacidade de decisión.

“Non podemos pedir ao rural que soporte os parques, as súas afeccións e a transformación do territorio e, ao mesmo tempo, quitarlle recursos, polo que se cambia o número de máquinas, tamén ten que cambiar o canon para garantir o retorno aos concellos”, engade.

“A nosa proposta é clara: máis enerxía renovable, si, pero máis negocio para os territorios que a producen, tamén, o vento galego non pode deixar máis beneficios privados e menos recursos públicos para concellos como Vimianzo”, conclúe.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes