Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O Grupo Socialista de Rianxo leva ao Pleno iniciativas clave para avanzar en benestar, xustiza veciñal e deporte municipal

Rianxo. O Grupo Municipal Socialista de Rianxo reafirma o seu papel como oposición útil e propositiva coa presentación de varias iniciativas no vindeiro Pleno, orientadas a mellorar o benestar da veciñanza, impulsar o desenvolvemento urbanístico e garantir instalacións deportivas seguras e de calidade.

O PSOE de Rianxo reclama actuacións urxentes no campo de fútbol de Vilas, onde o deterioro da herba sintética impide o uso en boas condicións e supón un risco para as persoas usuarias.

Este espazo é fundamental para a vida social e deportiva do municipio, xa que acolle cada semana a centos de familias e rapaces que participan en actividades deportivas e formativas. A mellora do campo é unha cuestión de seguridade, pero tamén de compromiso co deporte base e coa convivencia comunitaria.

Así mesmo, os socialistas propoñen unha avaliación técnica do Campo da Lomba, co obxectivo de planificar con responsabilidade o seu mantemento e substitución futura, asegurando que as instalacións deportivas de Rianxo manteñan un estándar de calidade axeitado ao uso que reciben.

En materia urbanística, o grupo propón modificar a ordenanza que regula a parcela Z1,
eliminando a obriga de reservar o 20% das vivendas como protección oficial. Esta medida busca ofrecer seguridade xurídica aos propietarios, facilitar o avance do planeamento e abrir novas oportunidades para o desenvolvemento de vivenda no municipio.

O Grupo Socialista tamén pon o foco na situación fiscal de moitos veciños e veciñas que viron incrementado o IBI ata nun 300%, mesmo sen realizar melloras nas súas vivendas. O PSOE solicita explicacións públicas sobre o convenio que o Concello asinou coa Dirección Xeral do Catastro no marco do programa PLACO, para aclarar as causas destas subas e garantir que se actúe con transparencia e xustiza social. Ademais, considera necesario unificar criterios nas achegas veciñais ás obras de saneamento e abastecemento, evitando desigualdades que non teñen xustificación técnica.

O Grupo Municipal Socialista reitera o seu compromiso de seguir transformando as demandas da veciñanza en propostas útiles e reais para mellorar o día a día en Rianxo.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes