Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O Grupo Socialista de Rianxo impulsa un pleno extraordinario no concello para esixir melloras no ámbito educativo

-Convidan a familias e asociacións de nais e pais a asistir a esta sesión, que terá lugar o vindeiro 31 de xullo.


Rianxo. O grupo municipal socialista vén de solicitar a convocatoria dun Pleno Extraordinario, que se celebrará o vindeiro 31 de xullo, co obxectivo de abordar cuestións de gran relevancia en materia educativa e social. Convidamos a todas as familias e asociacións de nais e pais a asistir a esta sesión, dada a importancia dos temas que se van tratar:

  1. Instar á Consellería de Educación da Xunta de Galicia ao cumprimento das ratios legais nos centros que escolarizan alumnado con necesidades educativas especiais (NEE e NEAE), así como á dotación adecuada de profesorado especializado (PT, AL) e de persoal de apoio, en función das necesidades reais e dos informes dos equipos directivos.
  2. Solicitar unha avaliación integral do servizo municipal de atención temperá, tanto en termos da calidade do servizo como do cumprimento do regulamento e da atención prestada ás familias.
  3. Constituír de maneira inmediata unha comisión de seguimento da licitación do servizo de atención temperá, para garantir a transparencia, a correcta aplicación do regulamento e unha planificación axeitada a medio e longo prazo.

Desde o grupo socialista lamentamos que, no Consello Escolar Municipal celebrado o pasado 2 de xuño, non se incluíran na orde do día asuntos tan prioritarios como estes, a pesar da súa gravidade. Consideramos esta omisión como unha mostra de irresponsabilidade política e unha falta de respecto cara ao conxunto da comunidade educativa. Por iso, instamos ao goberno local a convocar, con urxencia, un novo Consello Escolar Municipal que aborde estas
cuestións fundamentais para o inicio do vindeiro curso escolar.

Así mesmo, lembramos ao responsable local de Educación a súa obriga de asistir aos Consellos Escolares ou, no seu defecto, de delegar a responsabilidade noutro membro do Goberno. Resulta inaceptable que ningún representante municipal estea presente, ao tempo que se nega a participación dos grupos municipais, a pesar de que esta foi solicitada desde o inicio da lexislatura.

Cómpre salientar que o alcalde só comezou a actuar tras a iniciativa do grupo socialista: fixou a data do Pleno Extraordinario para o 31 de xullo e, de inmediato, convocou unha xunta de voceiros (a terceira da lexislatura) para abordar un dos puntos da orde do día, referido ao regulamento de atención temperá. Isto sucede cinco meses despois de que o noso grupo presentara alegacións á aprobación inicial dun regulamento promovido polo Partido Popular e polo Goberno local de Julián Bustelo, que non defendía os intereses das familias nin garantía a calidade do servizo. Non podemos esquecer que, na actualidade, existe unha familia en Rianxo excluída deste servizo co beneplácito dos que apoiaron aquel regulamento. Esta actuación, claramente reactiva, evidencia a falta dun interese real por parte do Goberno en dar resposta global aos problemas, limitándose a reaccionar ante a presión política exercida polo noso grupo.

Ademais, solicitamos a convocatoria dunha comisión extraordinaria específica para tratar cuestións relativas ao PXOM, ao seguimento da Residencia Pública, ao estado do suposto proxecto do Centro de Día de Rianxo —do que seguimos sen ter información—, así como ao Plan de limpeza e desbroces 2025. Tamén demandamos información detallada sobre a Conta Xeral de 2024: facturas pendentes de pago, nivel de endebedamento, tempo medio de pago a provedores, e reparos de intervención, entre outros aspectos.

Os socialistas continuamos traballando na fiscalización da acción de goberno. Se non se atende esta nova solicitude no prazo establecido, promoveremos novamente a convocatoria dun Pleno Extraordinario e recorreremos ao Valedor do Pobo, ante a reiterada falta de resposta e o atraso de máis dun ano e medio na entrega da documentación solicitada. A transparencia e o acceso á información son dereitos de todos os grupos da corporación e da cidadanía.

Instar á Consellería de Educación da Xunta de Galicia ao cumprimento das ratios legais nos centros que escolarizan alumnado con necesidades educativas especiais (NEE e NEAE), así como á dotación adecuada de profesorado especializado (PT, AL) e de persoal de apoio, en función das necesidades reais e dos informes dos equipos directivos.

Solicitar unha avaliación integral do servizo municipal de atención temperá, tanto en termos da calidade do servizo como do cumprimento do regulamento e da atención prestada ás familias.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes