– A iniciativa pide á Xunta máis profesorado, persoal de apoio, unha nova aula de Infantil e medidas para mellorar a atención ao alumnado con necesidades específicas
O compromiso acadado coa ANPA do CEIP Vicente Otero Valcárcel de Carral materializouse hoxe coa presentación no rexistro municipal dunha moción asinada por concelleiras e concelleiros de varios grupos. O texto insta á Xunta de Galicia a reforzar de maneira inmediata os recursos do centro, tanto en profesorado como en persoal de apoio, e a garantir unha planificación educativa que permita reducir ratios e mellorar a atención ao alumnado.
A iniciativa xorde da reunión celebrada coa ANPA, na que participaron Patricia Blanco, portavoz do PSdeG-PSOE en Carral, e Xosé Lois García Carballido, secretario de Educación e FP da Comisión Executiva Provincial. Daquela xuntanza saíu o compromiso de impulsar un pleno monográfico sobre as necesidades do centro, compromiso que agora se cumpre coa moción.
No documento reclámase persoal de coidado para alumnado con discapacidade, un/unha profesional adicional de Pedagoxía Terapéutica, outro de Audición e Linguaxe, e a creación dunha aula máis en 4º de Infantil para respectar os cómputos de ratio que inclúen alumnado con necesidades específicas.
Patricia Blanco agradeceu o apoio recibido por toda a corporación municipal e advertiu que “a consellería ten que saír do seu inmobilismo e dotar de recursos aos centros educativos de Carral”.
“Despois de impoñer recortes de profesorado especialista de pedagoxía terapéutica e audición en linguaxe no curso pasado, provocando as protestas da comunidade educativa, o goberno de Rueda convocou aínda menos prazas de oposición nestas materias que o ano anterior, non lles importan nada as familias con fillos e fillas con necesidades de apoio educativo”, explicou García Carballido. A voceira concluíu explicando que a moción será debatida no pleno municipal e que suporá “un novo paso nas demandas da comunidade educativa de Carral en defensa dunha mellor dotación de medios humanos e materiais”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS