O Grupo Socialista da Laracha defende un aparcadoiro en Golmar e apoia o uso do galego no Parlamento Europeo
-A moción foi apoiada por toda a Corporación, pero o PP votou en contra no fondo da proposta.
A voceira do Grupo Municipal Socialista da Laracha, Inés Ramos, presentou varias iniciativas no Pleno Ordinario do mes de maio celebrado no Concello. Entre elas, destacan dúas mocións, unha en apoio ao uso do galego no Parlamento Europeo e outra sobre a habilitación dun espazo de aparcadoiro nas inmediacións da Igrexa de Golmar.
Segundo informaron dende o grupo socialista, a moción sobre o uso do galego no Parlamento Europeo “contou co voto a favor de todos os membros da Corporación”, polo que foi aprobada por unanimidade.
En canto a proposta para a creación dun espazo de estacionamento en Golmar, a moción “foi votada a favor por todos os membros da Corporación en canto a urxencia”. Pola contra, Inés Ramos sinala que “unha vez se debatiu o fondo do asunto, contou co voto en contra do Partido Popular”.
A voceira criticou esta actitude do PP como algo que xa é “costume”, pois “todas as iniciativas que levamos en este grupo e que son positivas para a veciñanza, contan co voto en contra do Partido Popular simplemente polas siglas ou polo nome do partido que presenta esta iniciativa”, explicou.
A moción partía do feito de que a contorna da Igrexa de Golmar constitúe un espazo habitual de encontro para a veciñanza, mais a falta de zonas de estacionamento adecuadas “xera molestias e situacións de risco para a cidadanía”, explicou Inés Ramos. A proposta instaba ao goberno municipal a realizar un estudo de viabilidade para avaliar a creación dun aparcadoiro público na zona, incluíndo a reserva dunha partida orzamentaria para a súa execución. Tamén se reclamaba que a veciñanza fose informada e implicada durante todo o proceso, co fin de garantir unha solución consensuada e adaptada ás necesidades reais do barrio.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS