O Grupo Parlamentario Socialista denuncia “falla de vontade política” da Xunta para instalar unha pasarela provisoria no barrio da Milagrosa (Carballo) durante as obras de reforma da ponte
Patricia Iglesia urxe tomar medidas para permitir o acceso ás vivendas e aos negocios ata o remate das obras en novembro
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias lamentou a “falta de vontade política” amosada polo goberno galego a través de Augas de Galicia, o organismo responsable das obras de reforma da ponte da Milagrosa, en Carballo, que non quere instalar unha pasarela móbil para permitir o acceso aos veciños e os negocios do barrio. Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión de Obras Públicas hoxe no Parlamento.
A responsable socialista defendeu na Cámara autonómica as demandas dos veciños do barrio carballés, que o pasado 25 de abril presentaron un escrito no Concello avalado por 47 negocios e 225 particulares para pedir esta actuación ata que rematen as obras previsiblemente en novembro deste ano. Lamentou o “desprezo e desleixo” coa veciñanza afectada por esta actuación, que “ten illado a todo un barrio, á veciñanza e aos negocios, que acumulan perdas insoportables”.
Criticou que o Concello e Augas de Galicia se estean “pasando a pelota” da responsabilidade sobre as dificultades de acceso aos domicilios e aos negocios que están a ver comprometida a súa viabilidade, e lamentou que “uns por outros, a casa sen barrer”.
Sinalou a Augas de Galicia como administración responsable da redacción do proxecto, a contratación e a dirección dos traballos e, polo tanto, debe “articular as medidas correctoras necesarias”. Iglesias apuntou que a actuación é “posible e viable”, tanto incrementando o proxecto coa instalación da pasarela como unidade de obra ou ben como obra complementaria, en calquera dos dous casos resolvendo o problema dos veciños e veciñas.
Vertido de pedras Patricia Iglesias preguntou tamén polas pedras de grandes dimensións que teñen aparecido hai uns días no paso do río Anllóns pola ponte, e preguntou se foron arroxadas sen autorización do órgano de contratación, o que esixiría que “impoñan as sancións pertinentes e as penalidades que se establecen no prego”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS