Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Inés Ramos propón melloras para Golmar e a creación dun festival de música urbana na Laracha

-A voceira socialista local presentará varias mocións no seguinte pleno municipal 


A voceira do Grupo Municipal Socialista da Laracha, Inés Ramos, anunciou a presentación de varias mocións no vindeiro pleno da corporación que, afirma, “responden a necesidades sociais e culturais detectadas no municipio”. 

A socialista propón a dotación dun aparcadoiro público na contorna da Igrexa de Golmar e a creación dun Festival de Música Urbana que impulse a participación xuvenil. 

Inés Ramos sinalou que “a Igrexa de Golmar é un espazo central de reunión para a veciñanza, pero a falta de estacionamento provoca situacións de risco e molestias que o Concello non pode seguir ignorando”. 

Por iso, a moción socialista propón que o goberno municipal realice un estudo de viabilidade para a creación dun aparcadoiro público na zona, que se reserve unha partida orzamentaria para a súa execución e que se manteña informada e implicada á veciñanza ao longo do proceso. 

A segunda iniciativa que presentará o Grupo Socialista aposta pola organización dun Festival de Música Urbana, inspirado en experiencias exitosas noutros concellos galegos como Boiro, Mos ou Padrón. 

“A música urbana é hoxe unha das principais canles de expresión da mocidade, e A Laracha pode e debe crear espazos para que esta cultura teña visibilidade, impulso e apoio institucional”, declarou Ramos. 

A moción propón o deseño do evento contando coa participación activa da mocidade local, colectivos culturais e artistas do municipio. 

Compromiso coa igualdade e a diversidade 

Con motivo do Día Internacional contra a Homofobia e a Transfobia do pasado día 17 de maio, Inés Ramos reafirmou o compromiso do grupo socialista coa defensa dos dereitos LGTBI+. 

Ademais, valorou positivamente a recente incorporación do uso do galego ao Parlamento Europeo: “Un paso máis no recoñecemento da nosa lingua e identidade no ámbito europeo”.  Estas propostas reflicten, segundo Ramos, “a vontade do Grupo Municipal Socialista de construír unha Laracha máis accesible, inclusiva e culturalmente viva”. 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes