Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Bernardo Fernández Piñeiro reclama “que se modifique a Lei de Financiamento Local para garantir que os recursos cheguen aos concellos”

O secretario xeral provincial participou na Coruña nunha convención precongresual para preparar as emendas que levarán ao 41º Congreso Federal do PSOE


O PSdeG-PSOE da comarca da Coruña e das Mariñas celebrou unha convención precongresual para preparar as emendas que levarán ao 41º Congreso Federal do PSOE, que comezará o 29 de novembro en Sevilla.

Esta xuntanza, celebrada na sede da Agrupación Socialista da Coruña, contou coa participación do secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro e dos demais membros da Executiva Provincial, así como das delegadas e delegados que conforman a Delegación Provincial ao Congreso.

Fernández Piñeiro sinalou que dende a agrupación provincial levaranse “emendas de todo tipo, encamiñadas a seguir avanzando en conquerir dereitos para toda a cidadanía”, con especial atención á cuestión do financiamento local.

“Queremos esixir que se estableza un novo marco legal que garanta que os recursos se repartan con criterios obxectivos entre as distintas administracións e os concellos”, explicou o secretario xeral provincial.

“Temos que rematar con esa imaxe dos alcaldes e alcaldesas como mendigos que andan a pedir limosna polas distintas administracións para garantir servizos ós veciños ou infraestruturas”, indicou.

O socialista afirmou que “a ninguén se lle ocorre agora nin pode imaxinarse ver ao presidente de Andalucía, por exemplo, Moreno Bonilla, competindo con Rueda ou con Illa a ver quen chega antes a unha convocatoria ás 00:00 da noite para poder ter recursos económicos para a súa autonomía”. “Iso é o que está ocorrendo aquí en Galicia cos concellos”, lamentou.

“Ademais, loxicamente, cunhas normas trucadas que benefician aos concellos do Partido Popular, aos que se avisa con anterioridade para que cheguen antes que os outros concellos e polo tanto poidamos ver como na última convocatoria en 3 minutos estaban esgotados os fondos”, criticou Fernández Piñeiro.

“Iso é o que vamos a reclamar en Sevilla aos nosos compañeiros que actualmente teñen responsabilidades no Goberno do Estado, que se modifique a Lei de Financiamento Local para garantir que os recursos cheguen aos concellos, independentemente de por quen estean gobernados”, subliñou.

Concluíu remarcando que “ese é o obxectivo que vamos a perseguir con aínco, con esforzo e dende logo con moita enerxía nese Congreso, xunto a outros moitos”.

Declaracións de Bernardo Fernández – 12 de novembro 2024
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes