Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Bernardo Fernández advirte do “impacto para as arcas municipais” do novo canon de SOGAMA xa que “afogará aos concellos”

“A Xunta prioriza o enriquecimiento dunha empresa privada como Naturgy fronte ao empobrecemento dos concellos”, engade

O PSdeG Provincial pide ao goberno galego “unha rectificación”


O secretario xeral da Agrupación Provincial Socialista da Coruña, Bernardo Fernández, advirte do “gran impacto nas arcas municipais, e en consecuencia tamén no recibo da veciñanza”, do incremento do canon de Sogama que a Xunta aplicará aos concellos, polo que lle pide “unha rectificación”.

“No mes de xuño, a Xunta fixo pública a intención de Sogama de suprimir a bonificación do 15% aos concellos que reciclaban de forma correcta”, lembra Fernández, “unha medida que debeu ser un espellismo ou unha fiebre de medioambientalismo puntual, porque xa no orzamento do 2023 intentaron eliminala non sen polémica”.

“Escapouselle á conselleira nunha comparecencia no pleno do Parlamento e días despois, tras a presión dos concellos, tivo que ser desautorizada por Alfonso Rueda”, lembra o PSdeG Provincial.

Este 2024, no pasado mes de xullo, a pesares da oposición da FEGAMP e do Partido Socialista, suprimiron definitivamente esta bonificación.

“Agora anuncian un canon único e incrementado para todos os concellos, que no ano 2025 pasará de 66 euros por tonelada a 108 euros”, afirma o secretario xeral provincial, mentres que “os ingresos que Sogama vai ter no ano 2024 pola venda de enerxía van subir un 81,31% respecto aos do ano 2022”.

Ademais, “o imposto estatal ao que fan referencia para xustificar a decisión non foi creado polo goberno de Pedro Sanchez, é un imposto derivado dunha Directiva europea do ano 2018 trasposta á lexislación estatal na Lei de residuos do ano 2022, que xa se aplica na maioría dos países europeos”.

As fórmulas que grava este imposto son a incineración e o depósito en vertedoiro, “as últimas opcións na xerarquía de xestión de residuos e casualmente son as formas que usa Sogama de forma prioritaria”.

Tendo en conta que Sogama é unha sociedade mixta (Xunta 51% e Naturgy 49%), “o goberno de Rueda prioriza o enriquecimiento dunha empresa privada como Naturgy fronte ao empobrecemento dos concellos”.

“Por estes motivos, os socialistas pedímoslle á Xunta que rectifique esta decisión e comece a tomarse a política de xestión de residuos en serio, porque imos tarde e non imos cumprir os obxectivos que marca Europa, o que nos vai custar sancións millonarias”, remata Bernardo Fernández.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes