Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Rianxo solicita explicacións ao alcalde sobre os retrasos e deficiencias en diferentes obras no municipio

-O voceiro socialista Óscar Rial incide en que “as deficiencias detectadas están a provocar un importante prexuízo para os veciños, afectando directamente á súa calidade de vida”


-Os socialistas de Rianxo solicitan explicacións ao alcalde “polas deficiencias nas obras executadas cos fondos que a Deputación da Coruña concede a Rianxo a través do Plan de Obras e Servizos POS+”.

Así o explicou o voceiro da Agrupación Socialista de Rianxo, Óscar Rial, que solicitou formalmente explicacións a Julián Bustelo sobre a xestión e execución das actuacións correspondentes a dito plan.

Entre os traballos que para os socialistas presentan problemas graves que deben ser aclarados están os do saneamento e abastecemento en Quintáns. “A pesar do paso dun ano e seis meses dende o seu inicio, e tras múltiples prórrogas, seguen sen rematar”, sinala Rial.

“Outra actuación a destacar é a do asfaltado en Pousada, en Araño, onde as presións de execución deron lugar a obras sen rematar, causando graves prexuízos aos veciños”, subliña o voceiro.

Tamén están pendentes de rematar os traballos no Centro Cultural de Taragoña, co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade. “Porén, un ano despois de que comezasen, seguimos sen ascensor, o que impide que os veciños poidan realizar actividades e dificulta a planificación dos actos municipais”, critica Rial.

“Esta situación está a provocar malestar entre a veciñanza, xa que se trata dunha infraestrutura fundamental para a dinamización cultural e social da vila, polo que os socialistas de Rianxo solicitamos unha pronta solución a este problema”, engade.

Por outra banda, “as obras do Pavillón Municipal de Deportes, a pesar de estar en marcha dende hai un ano e de ter sido cambiada a cuberta, seguen presentando filtracións de auga”, apunta o voceiro socialista.

Esta situación preocupa especialmente aos socialistas de Rianxo “polo impacto que as filtracións poden ter no chan de madeira da instalación, valorado en 40.000 euros, así pola posible suspensión de actividades e competicións deportivas”.

“Por todo isto solicitamos unha explicación pública ao alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, que fai referencia aos investimentos realizados pero non aclara a súa evolución”, resume o socialista.

Óscar Rial incide en que “as deficiencias detectadas están a provocar un importante prexuízo para os veciños, afectando directamente á súa calidade de vida e ao normal desenvolvemento da vida cotiá no municipio”.

“Dende o Grupo Socialista consideramos inaceptable que obras financiadas con fondos públicos presenten problemas que se poderían evitar cunha correcta planificación e supervisión e que poderían supoñer un sobrecusto económico para o Concello”.

“Neste sentido, o PSOE de Rianxo esixe ao alcalde unha explicación pública e detallada, xa que é fundamental que se informe aos veciños do estado actual de cada unha das obras realizadas, así como do impacto económico que terán as reparacións necesarias”, conclúe.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes