O PSOE de Coristanco reclama que o CEIP Canosa-Rus conte con persoal especializado en Audición e Linguaxe
-O grupo municipal presentou unha moción na que se pide así mesmo “realizar os traballos de mellora/mantemento nas instalacións” que está a esixir a comunidade educativa
O PSdeG-PSOE de Coristanco reclama que o CEIP Canosa-Rus conte con persoal especializado en Audición e Linguaxe a xornada completa.
O grupo municipal socialista rexistrou o pasado mércores unha moción no pleno que insta á Consellería de Educación a “dotar dos recursos necesarios para aumentar o persoal especializado” o centro.
Tamén pide a moción recursos para “realizar os traballos de mellora/mantemento nas instalacións” que está a reclamar a comunidade educativa do colexio.
O voceiro socialista local José Manuel Pérez Abelenda sinala que “o CEIP Canosa-Rus presenta agora mesmo numerosas deficiencias tanto a nivel estrutural como de persoal que perxudican gravemente o desenvolvemento da súa actividade e a aprendizaxe da cativada”.
“Ademais, no caso da ausencia de profesionais de Audición e Linguaxe, isto supón un gran impedimento para que o alumnado con necesidades especiais poida ter unha verdadeira integración”, apunta.
Entre as deficiencias descritas polo Consello Escolar do Centro, recollidas na moción dos socialistas, estarían as filtracións de auga no tellado, a falta de iluminación no ximnasio e patios cubertos, a falta de valado no perímetro do recinto, ou pistas deportivas sen pintar.
Tamén se sinala a necesidade de limpar en profundidade o muro do colexio, o regato que bordea o centro, os canlóns, a calexa do desaugadoiro exterior, e en xeral unha limpeza xeral e un mantemento suficiente da herba.
Así mesmo, destácase a ausencia dunha porta que separe o almacén dos produtos químicos da zona de cociña, unha porta antipánico na conserxería ou a pavimentación de varias zonas, así como a necesidade de acondicionar o asfalto na explanada de autobuses.
“Os recortes da Xunta de Galicia en Educación, que vivimos con dureza en Cosistanco e na Costa da Morte, impiden que as nenas e nenos reciban unha educación verdadeiramente de calidade”, lamenta Abelenda. “Non se pode xogar así co seu futuro”, engade.
O PSdeG-PSOE da Comarca de Bergantiños está a coordinar esforzos conxuntamente, así como coas ANPAS e o Grupo Socialista no Parlamento galego, para facer fronte a estes recortes, presentando iniciativas similares nos concellos de Ponteceso, Carballo, A Laracha, Malpica, Cabana e Laxe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS