Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reivindica en Santiago o dereito á vivenda e a igualdade de oportunidades tras reunirse coa Fundación Secretariado Xitano

  • O candidato ao Senado Sindo Guinarte defende a Lei de Vivenda, as medidas para facilitar o alugueiro e a proposta de destinar os ingresos dun novo imposto ás grandes fortunas á construción de vivenda pública 
  • O secretario xeral provincial do PSdeG, Bernardo Fernández Piñeiro, destaca o labor da entidade na inclusión social e laboral da comunidade xitana e reafirma o compromiso socialista de combater a discriminación

O PSdeG-PSOE visitou este luns as novas instalacións da Fundación Secretariado Xitano en Santiago de Compostela, onde mantivo unha reunión coa súa directiva para coñecer de primeira man o traballo que desenvolve a entidade en materia de inclusión, formación e igualdade de oportunidades, así como as dificultades que continúa afrontando a comunidade xitana, especialmente no acceso á vivenda. 

No encontro, celebrado na sede da Fundación na rúa das Fontiñas, participaron Sindo Guinarte, candidato ao Senado; Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia; Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE; Ana Alvite, candidata número tres ao Congreso e secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia; Aitor Bouza e Patricia Iglesias, deputados autonómicos, que abordaron cos representantes da entidade os principais retos sociais e as medidas necesarias para avanzar na eliminación das desigualdades. 

Sindo Guinarte defende as políticas de vivenda do Goberno de Pedro Sánchez 

Durante as declaracións aos medios, Sindo Guinarte destacou que o acceso á vivenda constitúe un dos grandes desafíos sociais e unha das cuestións centrais das eleccións xerais do próximo 29 de novembro. 

“O próximo 29 de novembro tamén nos xogamos o futuro das políticas de vivenda. O Goberno de Pedro Sánchez aprobou a primeira Lei de Vivenda da democracia, unha norma que permite declarar zonas de mercado residencial tensionado, como sucede en Santiago de Compostela e na Coruña, e limitar os prezos dos alugueiros”, sinalou. 

O candidato socialista puxo en valor as medidas impulsadas polo Executivo estatal para facilitar o acceso á vivenda, especialmente entre as persoas con maiores dificultades económicas. 

Neste sentido, fixo referencia a un real decreto convalidado pola Deputación Permanente do Congreso que, segundo explicou, contempla medidas de apoio ás persoas inquilinas e incentivos fiscais para os pequenos propietarios que ofrezan vivendas en alugueiro a prezos razoables. 

“Estamos falando de medidas para que as persoas poidan acceder a un alugueiro a prezos razoables, contar con axudas e, ao mesmo tempo, ofrecer vantaxes fiscais aos pequenos propietarios que contribúan a facilitar ese acceso”, explicou. 

Un novo imposto ás grandes fortunas para financiar vivenda pública 

Guinarte destacou tamén unha das propostas anunciadas polo PSOE durante a campaña electoral: a creación dun novo imposto para patrimonios superiores aos 100 millóns de euros, cuxa recadación se destinaría, entre outras finalidades, á construción de vivenda pública. 

O candidato explicou que esta iniciativa busca ampliar o parque público de vivenda e ofrecer alternativas residenciais accesibles, especialmente para a mocidade. 

“Imos establecer un novo imposto para as persoas que teñen un patrimonio extraordinariamente elevado, de máis de 100 millóns de euros. Ese imposto dedicarase, entre outras cuestións, á construción de vivenda pública a prezos razoables para a xente nova”, afirmou. 

Guinarte subliñou que as vivendas construídas ao abeiro desta proposta manterían permanentemente a súa condición de vivenda pública, co obxectivo de evitar a especulación inmobiliaria. 

“Falamos de vivenda pública que manterá para sempre a súa condición de vivenda pública e que, polo tanto, non poderá utilizarse para especular con ela”r, destacou. 

O candidato ao Senado contrapuxo estas propostas ás políticas que atribúe ao Partido Popular, ao que acusou de apostar pola derrogación da Lei de Vivenda e pola eliminación dos mecanismos de regulación dos alugueiros. 

“O Partido Popular propón derrogar a Lei de Vivenda, eliminar as zonas residenciais tensionadas e deixar que a vivenda funcione exclusivamente baixo as regras do mercado”, criticou. 

Guinarte cuestionou tamén as propostas de liberalización do solo, lembrando que, ao seu xuízo, este modelo non resolveu os problemas de acceso á vivenda durante os gobernos de José María Aznar e contribuíu á formación da burbulla inmobiliaria. 

Bernardo Fernández destaca o labor da Fundación e as dificultades de acceso á vivenda da comunidade xitana 

Pola súa banda, o secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, destacou o traballo desenvolvido pola Fundación Secretariado Xitano en materia de inclusión social, formación e acompañamento das persoas pertencentes a un colectivo que, segundo sinalou, continúa sufrindo situacións de incomprensión e discriminación. 

“Hoxe visitamos as novas instalacións da Fundación Secretariado Xitano para coñecer de primeira man o gran traballo que se está realizando en favor da inclusión e da formación dun colectivo tantas veces incomprendido e, en moitas ocasións, discriminado”, afirmou. 

Fernández Piñeiro explicou que durante a reunión puideron afondar nas principais dificultades que afronta a comunidade xitana e comprobar que o acceso á vivenda constitúe tamén unha das súas preocupacións máis importantes. 

“Segundo os datos aos que tivemos acceso, o problema da vivenda tamén afecta de maneira importante a este colectivo. Foi un encontro moi produtivo e frutífero que nos permitiu coñecer mellor a realidade coa que traballa a Fundación”, destacou. 

O secretario xeral provincial puxo en valor as políticas desenvolvidas polo Goberno de España nos últimos anos, pero recoñeceu que aínda existen retos pendentes que deben ser abordados na próxima lexislatura. 

“Falamos das medidas nas que o Goberno de España estivo traballando ao longo desta lexislatura, pero tamén marchamos con deberes, con cuestións que un novo goberno que saia das urnas o 29 de novembro deberá abordar”, explicou. 

Compromiso coa inclusión e coa loita contra a discriminación 

Fernández Piñeiro reafirmou o compromiso do PSOE coa igualdade de oportunidades e coa eliminación de calquera forma de discriminación, independentemente da orixe, etnia ou relixión das persoas. 

“O noso compromiso coa comunidade xitana é total e absoluto. Traballamos por un país no que a inclusión sexa unha realidade e no que poidamos desterrar dunha vez por todas a discriminación de calquera persoa, independentemente da súa orixe, etnia ou relixión”, manifestou. 

Neste sentido, destacou a importancia de manter unha interlocución directa coas entidades sociais para coñecer as necesidades das persoas ás que acompañan e impulsar políticas públicas que dean resposta ás súas demandas. 

A visita á Fundación Secretariado Xitano en Santiago enmárcase na rolda de contactos que o PSdeG está a desenvolver con entidades e colectivos sociais da provincia da Coruña, coa finalidade de abordar os retos relacionados coa inclusión, a igualdade de oportunidades e o acceso a dereitos fundamentais como a vivenda.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes