Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reivindica en Amicos o dereito das persoas con discapacidade a participar na vida política e reclama unha sociedade máis inclusiva

A cabeza de lista ao Congreso Obdulia Taboadela e os candidatos Ana Alvite e Sindo Guinarte participaron hoxe nun encontro coas persoas usuarias e responsables da entidade en Boiro, no marco da iniciativa «A miña voz, o meu voto», que promove unha participación electoral libre, informada e accesible


O PSdeG-PSOE visitou este martes o centro de Amicos, en Boiro, para coñecer de primeira man o traballo que desenvolve a entidade e participar nun encontro coas persoas usuarias e os seus responsables, no marco da iniciativa «A miña voz, o meu voto», impulsada para favorecer a participación política das persoas con discapacidade nas eleccións xerais do próximo 29 de novembro. 

Na visita participaron Obdulia Taboadela, cabeza de lista socialista ao Congreso; Ana Alvite, candidata número tres ao Congreso; e Sindo Guinarte, candidato ao Senado, que agradeceron a invitación da entidade e destacaron a importancia de garantir que todas as persoas poidan exercer os seus dereitos políticos en igualdade de condicións. 

A iniciativa de Amicos busca facilitar un espazo de encontro e diálogo entre as diferentes candidaturas e as persoas que acoden ao Centro de Día e residen no Fogar Amicos, permitindo que coñezan os programas electorais, trasladen as súas preocupacións e formulen preguntas para decidir o seu voto con liberdade. 

Ana Alvite reivindica o dereito ao voto libre e informado 

Durante a súa intervención, Ana Alvite destacou o carácter especial da visita, xa que coñecía previamente o centro pola súa actividade profesional no ámbito sanitario. 

“Para min é unha visita moi especial porque hoxe estou aquí como candidata, pero o ano pasado xa estiven neste centro como profesional sanitaria, vacinando as persoas residentes”, explicou. 

A candidata socialista puxo o foco na necesidade de respectar os tempos, as capacidades e as necesidades de apoio de cada persoa para garantir unha participación política efectiva. 

“Estas persoas teñen todo o dereito a votar nesta democracia. Algunhas poden necesitar máis tempo ou apoio para coñecer as propostas e decidir a quen queren votar, pero teñen o mesmo dereito a participar que calquera outra persoa”, afirmou. 

Alvite defendeu que as formacións políticas deben facilitar información comprensible e accesible para que as persoas con discapacidade poidan coñecer as distintas propostas e tomar as súas propias decisións. 

“Paréceme de vital importancia que os partidos políticos veñamos aquí. Hoxe estamos nós, pero tamén participarán outras formacións. É fundamental escoitar estas persoas, expoñer as nosas ideas e responder todas as preguntas que queiran trasladarnos” destacou.

 

Obdulia Taboadela reivindica os dereitos e a dignidade das persoas con discapacidade 

Pola súa banda, Obdulia Taboadela agradeceu o convite de Amicos e destacou a importancia de avanzar en políticas públicas que garantan os dereitos, a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade. 

“Queremos poñernos á disposición das persoas usuarias de Amicos para escoitar as súas dúbidas, responder as súas preguntas e coñecer todo aquilo que nos queiran trasladar”, sinalou. 

A cabeza de lista socialista reivindicou as actuacións impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez en materia de discapacidade e dependencia, e destacou o papel das reformas normativas destinadas a reforzar a protección social e mellorar as condicións de vida das persoas que precisan apoios e das súas familias. 

“O Partido Socialista e o Goberno progresista de Pedro Sánchez teñen moi presentes ás persoas con discapacidade, sexa cal sexa a súa situación, para garantirlles dereitos, dignidade e medios que lles permitan desenvolver unha vida plena”, afirmou. 

Taboadela fixo referencia ás reformas da normativa sobre dependencia e discapacidade como parte da aposta socialista por ampliar os dereitos e mellorar os recursos de atención e apoio. 

A candidata tamén defendeu o valor da diversidade como elemento fundamental para construír unha sociedade máis igualitaria e inclusiva. 

“A diferenza e a diversidade fan un país mellor e máis rico. Temos que seguir avanzando para que todas as persoas conten coas mesmas oportunidades e poidan participar plenamente na sociedade”, destacou. 

Sindo Guinarte destaca o labor de Amicos na inclusión social e laboral 

O candidato ao Senado, Sindo Guinarte, puxo en valor o traballo desenvolvido por Amicos no acompañamento das persoas con discapacidade intelectual, trastorno do espectro autista, dano cerebral e outras necesidades de apoio. 

Durante a súa intervención, destacou que, segundo os datos expostos, a entidade apoiou o pasado ano a máis de 1.500 persoas e contribuíu á inserción laboral de preto de 500. 

“Este tipo de entidades son fundamentais para que as persoas con discapacidade ou dano cerebral poidan integrarse plenamente na vida social e dispoñan de oportunidades reais”, afirmou. 

Guinarte tamén destacou a importancia dos recursos especializados que ofrecen as entidades sociais para complementar a atención sanitaria e acompañar as persoas e as súas familias nas diferentes etapas da súa vida. 

Neste sentido, cuestionou os recortes que atribúe ao Partido Popular na sanidade pública galega e reclamou que as administracións reforcen os recursos destinados á atención, á rehabilitación, á inclusión social e á autonomía persoal. 

“Estas persoas teñen dereito a estar plenamente integradas na sociedade, a contar con oportunidades laborais e a levar unha vida plena. Para conseguilo é fundamental que as institucións públicas, tanto o Estado como as comunidades autónomas, poñan os recursos necesarios”, subliñou. 

Amicos reclama unha participación política accesible e máis recursos para a inclusión 

O encontro desenvolveuse no marco do proxecto de cidadanía inclusiva de Amicos, unha iniciativa que busca que as persoas con discapacidade non só reciban atención, senón que poidan decidir, expresar as súas opinións e participar activamente na transformación da súa contorna. 

No documento elaborado pola entidade para estas eleccións, Amicos recolle distintas reivindicacións dirixidas ás formacións políticas, entre elas garantir a participación en igualdade de condicións, reforzar o sistema de dependencia, facilitar o acceso á vivenda e ao emprego digno, mellorar o apoio ás familias e asegurar unha atención sanitaria accesible e centrada na persoa. 

Ademais, a entidade propón incrementar do 0,7 % ao 1 % a asignación tributaria do IRPF destinada a fins sociais, mellorar as condicións laborais dos profesionais do sector da discapacidade e impulsar a incorporación de novas tecnoloxías aos coidados e á vida independente. 

Os representantes socialistas destacaron a importancia de escoitar estas demandas e de manter o diálogo coas entidades sociais para avanzar cara unha sociedade na que todas as persoas poidan exercer os seus dereitos e desenvolver o seu proxecto de vida con autonomía e dignidade.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes