O PSdeG reivindica en Noia a defensa dos dereitos das mulleres, das pensións e da igualdade salarial como prioridades do 29N
A candidata ao Congreso Ana Alvite e o candidato ao Senado Sindo Guinarte participaron hoxe nun encontro con candidatos e representantes socialistas da comarca, no que destacaron a importancia das próximas eleccións para o futuro das políticas sociais e de igualdade
O PSdeG-PSOE celebrou este sábado un encontro con candidatos e representantes públicos e orgánicos da comarca do Barbanza diante da casa consistorial de Noia, no marco da campaña das eleccións xerais do próximo 29 de novembro. Durante o acto, os socialistas situaron a defensa dos dereitos das mulleres, a igualdade salarial, as pensións e a mellora das condicións laborais entre os principais asuntos do debate electoral.
No encontro participaron Ana Alvite, candidata ao Congreso; Sindo Guinarte, candidato ao Senado; Jorge Romero, candidato ao Congreso pola comarca do Barbanza; Francisco Pérez Caamaño, alcalde de Noia; e Aitor Bouza, deputado autonómico, ademais de voceiros, concelleiros e outros representantes socialistas da comarca.
Durante a súa intervención, Ana Alvite destacou a transcendencia destas eleccións para o futuro das políticas de igualdade e advertiu do risco de retrocesos nos dereitos das mulleres ante un posible goberno do PP e Vox.
“Nestas eleccións, quen máis nos xogamos somos as mulleres. Unha vez máis, os dereitos que corren perigo son os nosos. Aínda que os socialistas temos moito camiño percorrido na defensa dos dereitos das mulleres, é certo que son dos primeiros que podemos perder”, afirmou.
A candidata socialista reivindicou o traballo desenvolvido durante os últimos anos para reducir as desigualdades entre mulleres e homes, especialmente no ámbito laboral, e defendeu a necesidade de continuar avanzando en materia de igualdade salarial e de oportunidades.
“Está claro que nestas eleccións están en xogo os dereitos das mulleres. Temos que seguir poñendo no centro do debate eses dereitos e o feminismo polo que tanto temos loitado”, sinalou Alvite.
Pola súa banda, o candidato socialista ao Senado, Sindo Guinarte, centrou a súa intervención na importancia das políticas públicas de protección social e nas consecuencias que, ao seu xuízo, podería ter un cambio de goberno para os avances acadados durante os últimos anos.
Guinarte situou entre as principais cuestións da cita electoral do 29 de novembro a defensa do sistema público de pensións, o salario mínimo interprofesional e os dereitos das mulleres, ao tempo que trasladou a posición do PSOE sobre a concentración do voto progresista nas eleccións ao Congreso e ao Senado.
O candidato destacou que estas eleccións determinarán a orientación das políticas sociais e económicas durante a próxima lexislatura.
O encontro de Noia enmárcase nas actividades que o PSdeG está a desenvolver nos distintos municipios da provincia da Coruña durante a campaña electoral, coa participación de candidatos, alcaldes, voceiros municipais e representantes do partido.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS