Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Ribeira celebra os avances no polígono de Pedras Vermellas-A Fontenla, pero denuncia que o PP presuma dun proxecto que antes rexeitou financiar

  • A deputada socialista Patricia Iglesias lembra que o PP votou en contra dunha emenda socialista para financiar as obras e critica unha forma de gobernar que, segundo denuncia, tamén se repite coa residencia de maiores e coas festas

O PSOE de Ribeira valora positivamente a adxudicación por parte da Xunta de Galicia da actualización do proxecto do novo polígono industrial de Pedras Vermellas-A Fontenla, así como a previsión de licitar as obras antes de que remate o ano. Con todo, os socialistas denuncian as contradicións do Partido Popular, que votou en contra dunha emenda presentada polo PSdeG para financiar esta infraestrutura e agora, segundo critican, pretende atribuírse os avances do proxecto. 

A deputada autonómica socialista Patricia Iglesias considera que o sucedido é un novo exemplo da forma de actuar do Partido Popular en Ribeira. “Primeiro bloquean, despois rectifican e finalmente presumen de solucionar os problemas que eles mesmos crean. Alegrámonos de que a Xunta anuncie avances no polígono industrial, porque Ribeira necesita solo industrial, oportunidades económicas e emprego, pero non podemos esquecer que o PP votou en contra da nosa proposta para financiar as obras”, denuncia. 

Os socialistas lembran que o proxecto contou co apoio unánime da Corporación municipal en distintas ocasións, entre elas o pleno de xullo de 2024, no que se aprobou a modificación do proxecto de urbanización. 

Neste sentido, o portavoz municipal socialista, Fran Suárez-Puerta, considera especialmente contraditorio que o PP pretenda atribuírse en exclusiva unha actuación que contou co respaldo de todas as formacións políticas. 

“Cando presentamos unha emenda para financiar o polígono, o PP tivo a oportunidade de apoiar unha actuación necesaria para o desenvolvemento industrial e económico de Ribeira, pero decidiu votar en contra. Agora a Xunta anuncia avances e pretenden que esquezamos aquela votación”, sinala Suárez-Puerta. 

Pola súa banda, Patricia Iglesias cuestiona que o Partido Popular presente como un éxito propio unha infraestrutura para a que anteriormente rexeitou a proposta de financiamento dos socialistas. 

“Que explicación ten que agora anuncien como un éxito aquilo que antes se negaron a financiar? O problema do Partido Popular é que confunde gobernar con facerse fotografías. Cando hai que poñer recursos públicos votan en contra, cando hai que dar explicacións miran para outro lado e cando chega o momento dun anuncio aparecen todos para apuntarse o mérito”, critica a deputada. 

O PSOE de Ribeira considera que o sucedido co polígono industrial non é un episodio illado, senón que responde a unha dinámica que, segundo denuncian, tamén se repite con outras cuestións fundamentais para o municipio, como a residencia de maiores ou a organización das festas. 

“Non é un caso illado en Ribeira. Vémolo co polígono, coa residencia de maiores e tamén coas festas. Primeiro xéranse os problemas, despois trasládanse á Xunta e finalmente preséntase a solución como un éxito político”, afirma Iglesias. 

Nesta mesma liña, Fran Suárez-Puerta insiste en que o prioritario debe ser garantir a execución efectiva das actuacións comprometidas e non a súa utilización como anuncios políticos. 

“O importante non é quen apareza na fotografía, senón que as obras se executen e que Ribeira dispoña dunha infraestrutura que leva demasiado tempo agardando. Nós queremos que o polígono saia adiante, pero Ribeira necesita un goberno que resolva os problemas, non que os converta en oportunidades para facerse fotografías”, subliña. 

Os socialistas reiteran que seguirán reclamando investimentos nos Orzamentos da Xunta para dar resposta ás necesidades de Ribeira e lembran que os compromisos co municipio deben demostrarse tanto nas votacións parlamentarias como na dotación económica e na execución dos proxectos. 

“Desde o Partido Socialista non imos entrar nesa política de propaganda barata. Queremos feitos, financiamento e prazos cumpridos. Ribeira non necesita máis fotografías do PP, necesita que a Xunta deixe de poñer atrancos e cumpra dunha vez por todas co que o municipio merece”, conclúe Patricia Iglesias.


Patricia Iglesias
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes