O PSdeG destaca os máis de 60 millóns de euros de apoio estatal a proxectos empresariais nas Pontes para impulsar a súa reindustrialización
- A candidata nº1 ao Congreso, Obdulia Taboadela, e a candidata ao Senado Montse García Chavarría reivindican o papel do Goberno de España na transición xusta do municipio e destacan o nó eléctrico de Maciñeira como unha infraestrutura estratéxica para atraer novos investimentos e xerar emprego
O PSdeG-PSOE puxo en valor os investimentos e as actuacións impulsadas polo Goberno de España para favorecer a transición enerxética e a reindustrialización das Pontes, destacando os máis de 60 millóns de euros de apoio a proxectos empresariais no municipio e o desenvolvemento de novas infraestruturas eléctricas destinadas a facilitar a implantación de actividade económica.
Durante unha comparecencia celebrada no lago das Pontes, a candidata número un socialista ao Congreso, Obdulia Taboadela, e a candidata ao Senado e exdeputada no Congreso, Montse García Chavarría, reivindicaron o papel do Goberno de Pedro Sánchez no proceso de transformación económica do municipio tras o peche da central térmica.
“A transición enerxética ten que permitir desenvolver nova actividade económica sen deixar atrás os traballadores, a industria nin o emprego. As Pontes é un bo exemplo de como se poden impulsar políticas para construír novas oportunidades de futuro”, destacou Taboadela.

Pola súa banda, García Chavarría lembrou que o peche da central térmica supuxo un proceso longo e complexo para un municipio que durante décadas mantivo unha estreita dependencia económica da produción eléctrica.
Neste sentido, sinalou que a solicitude de peche presentada por Endesa respondeu a unha decisión empresarial vinculada á rendibilidade da instalación, e non a unha decisión unilateral do Goberno de España, que autorizou finalmente o cesamento da actividade en 2023.
“Foi un proceso longo e tamén doloroso en moitos aspectos, pero a partir dese momento abriuse unha nova etapa para o rexurdimento económico das Pontes, na que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Instituto para a Transición Xusta puxeron todos os recursos posibles para favorecer a implantación de novas actividades industriais”, explicou.
García Chavarría destacou que o Goberno de España destinou máis de 60 millóns de euros en apoios a proxectos empresariais nas Pontes, contribuíndo a impulsar novas actividades industriais e a diversificación económica do municipio.
Entre as actuacións mencionou as axudas á futura planta de Ence, con máis de 24 millóns de euros, así como os apoios a proxectos vinculados ao hidróxeno renovable, entre eles H2Pole e outras iniciativas industriais, con achegas de arredor de 15 millóns de euros cada unha, segundo os datos expostos pola candidata.
A socialista subliñou que estes incentivos non se limitan aos grandes proxectos, senón que tamén benefician a pequenas e medianas empresas asentadas no municipio, de sectores como o metal ou os servizos, que apostan por ampliar a súa actividade e crear postos de traballo.
Ademais, fixo referencia á recente concesión de 1,3 millóns de euros en axudas a tres empresas das Pontes, vinculadas a proxectos que contemplan a creación de máis de 45 empregos.
“Estamos falando de investimentos moi importantes que permiten apoiar tanto grandes proxectos industriais como empresas que xa forman parte do tecido económico das Pontes. O obxectivo é xerar novos postos de traballo e consolidar unha actividade económica diversificada e estable”, sinalou García Chavarría.
Unha das actuacións que os socialistas destacaron especialmente foi a declaración do nó de Maciñeira, de 400 quilovoltios, como nó de transición xusta, asociado ao desenvolvemento de novos proxectos de enerxías renovables e almacenamento.

Esta iniciativa contempla a asignación de 600 megavatios de capacidade de acceso á rede para novos proxectos, mentres que o eixo eléctrico Maciñeira-Naraío conta cun investimento previsto de arredor de 27 millóns de euros.
“O nó de Maciñeira é un punto de partida fundamental para o despegamento económico das Pontes. Falamos dunha infraestrutura estratéxica que pode actuar como motor para atraer novos proxectos, desenvolver actividade industrial e xerar emprego de calidade”, destacou García Chavarría.
A candidata ao Senado considera que a mellora das infraestruturas eléctricas e a promoción de novos proxectos enerxéticos constitúen elementos fundamentais para reforzar a competitividade industrial da zona e favorecer a chegada de novos investimentos.
Os socialistas tamén puxeron en valor as oportunidades asociadas a novos proxectos industriais, como a iniciativa de Indra nas Pontes, que vincularon á aposta do Ministerio de Defensa polo desenvolvemento industrial do territorio.
Así mesmo, destacaron o proxecto de SAIC Motor, que contempla unha posible implantación industrial na contorna de Ferrol e As Pontes, cunha previsión de arredor de 2.300 postos de traballo, segundo as estimacións trasladadas durante a comparecencia.
García Chavarría lembrou que a iniciativa se atopa aínda en fase de tramitación e destacou a autorización de investimento estranxeiro como un paso relevante para avanzar no seu desenvolvemento.

“A aposta do Goberno de España polas Pontes está máis que demostrada, pero estes procesos industriais necesitan tempo para consolidarse. Temos que seguir traballando para que os proxectos se materialicen e xeren novas oportunidades de emprego”, afirmou.
Finalmente, Obdulia Taboadela insistiu en que o obxectivo da transición xusta debe ser combinar a transformación do modelo enerxético coa recuperación da actividade económica e o mantemento do emprego industrial.
“As Pontes é un exemplo de como unha transición enerxética pode ir acompañada de novos investimentos e oportunidades. Queremos que as empresas poidan traballar cunha enerxía máis sostible e eficiente e que os traballadores e traballadoras sigan contando cun territorio industrial de referencia”, concluíu Taboadela.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS