O PSdeG destaca en Betanzos o impacto dos investimentos do Goberno de España na rehabilitación urbana, a vivenda e a mellora das infraestruturas
A cabeza de lista do PSdeG polo Congreso, Obdulia Taboadela, e o candidato socialista Andrés Hermida puxeron hoxe en valor os preto de seis millóns de euros destinados á revitalización do casco histórico, as actuacións contra as inundacións no barrio da Ribeira
O PSdeG-PSOE puxo en valor hoxe en Betanzos o papel do investimento público como motor de desenvolvemento económico e social dos municipios, destacando as actuacións impulsadas polo Goberno de España nos últimos anos para mellorar as infraestruturas, recuperar o patrimonio e favorecer o acceso á vivenda.
Durante unha visita á vila, a candidata ao Congreso Obdulia Taboadela e o socialista Andrés Hermida reivindicaron a importancia dos servizos públicos e do investimento das administracións para mellorar a calidade de vida da cidadanía, especialmente en ámbitos como a educación, a sanidade e a vivenda.
“Hoxe queremos reivindicar a importancia dos servizos públicos e do investimento do Estado na procura do benestar da xente. Non só en cuestións fundamentais como a sanidade ou a educación, senón tamén na vivenda, un dos principais retos aos que se enfrontan as novas xeracións e as familias”, sinalou Taboadela.
Neste sentido, destacaron o compromiso do Goberno de España coa rehabilitación de inmobles e a construción de nova vivenda para facilitar o acceso a prezos máis accesibles, especialmente entre a mocidade.

A representante socialista Obdulia Taboadela tamén defendeu a importancia das políticas públicas de regulación do mercado inmobiliario e puxo como exemplo a aplicación da Lei de Vivenda en Barcelona, onde, segundo sinala, as medidas adoptadas están contribuíndo a conter os prezos do alugueiro.
“Unha regulación adecuada do mercado da vivenda funciona. Necesitamos máis instrumentos de control que permitan facer máis accesible o alugueiro e garantir que os cidadáns poidan desenvolver o seu proxecto de vida sen que o prezo da vivenda sexa un impedimento”, subliñou.
Preto de seis millóns de euros para recuperar o casco histórico de Betanzos
Pola súa banda, o candidato socialista Andrés Hermida destacou os investimentos recibidos por Betanzos durante os últimos oito anos e o seu impacto na recuperación do patrimonio e na mellora dos barrios.
“Desde o Concello non podemos estar máis que agradecidos ao Goberno de España polos investimentos realizados en Betanzos e na nosa comarca durante os últimos oito anos. Son numerosas as actuacións que permitiron mellorar o noso casco histórico”, explicou Hermida.
Entre elas, destacou os preto de seis millóns de euros destinados á rehabilitación e revitalización do casco histórico, unha actuación que considera fundamental para recuperar vivendas, favorecer a chegada de novos residentes e reforzar a actividade social e económica do centro histórico.
“Investíronse preto de seis millóns de euros para mellorar o noso casco histórico e convertelo nun espazo de referencia para a rehabilitación, favorecendo que máis persoas veñan vivir a Betanzos e rehabiliten as súas vivendas”, sinalou o socialista.
Hermida tamén fixo referencia ás actuacións realizadas para solucionar os problemas de inundacións que afectaban á veciñanza do barrio da Ribeira. Segundo explicou, o Goberno de España destinou máis dun millón de euros a través do Ministerio de Fomento para afrontar esta problemática, que durante anos ocasionou importantes dificultades aos residentes da zona.
Ademais, o socialista destacou a rehabilitación integral do Parque do Pasatempo, un dos elementos patrimoniais máis representativos de Betanzos e un referente cultural e histórico de Galicia, como outro dos exemplos do investimento público na conservación e posta en valor do patrimonio.
Para o PSdeG, estas actuacións amosan a importancia de manter o compromiso das administracións coa rehabilitación urbana, a protección do patrimonio e a mellora das infraestruturas municipais, contribuíndo a facer de Betanzos unha vila máis atractiva para vivir e desenvolver novos proxectos de futuro.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS