O PSOE de Ribeira sospeita que o PP pretende repetir coa Dorna a mesma manobra das Festas de Verán
- O portavoz socialista, Fran Suárez-Puerta, reclama solucións reais e cuestiona que a alcaldesa volva presentarse como salvadora dun conflito que nunca debería producirse.
O PSOE de Ribeira expresa o seu apoio á Real e Ilustre Cofradía da Dorna ante a situación que ameaza a festa de 2027. Os socialistas ven un paralelismo co sucedido nas Festas de Verán de 2025: tras meses de restricións de Portos de Galicia, unha fotografía do PP e do PBBI precedeu á resolución do conflito e María Sampedro presentouse como a gran salvadora. “Preguntámonos se pretenden repetir a xogada: levar a situación ao límite para que a alcaldesa apareza no último momento como quen a resolve. A Dorna non pode ser escenario destas manobras”, advirte Suárez-Puerta.
En 2023, o goberno de Manuel Ruiz Rivas, con María Sampedro como responsable da área, incumpriu o compromiso de solicitar os espazos portuarios con dous meses de antelación. “Non sabemos se xa daban por perdidas as eleccións ou simplemente non quixeron cumprir. O certo é que a Cofradía acabou pagando 5.000 euros”, sinala o portavoz. Agora Portos reclámalle arredor de 17.000 euros por 40 días de ocupación, cando o uso efectivo foi moi inferior. “¿Que pretende cobrar exactamente Portos para facturar 40 días? ¿Ou é que nin sequera sabe o que factura?”. Suárez-Puerta esixe tamén que se aplique nas liquidacións a bonificación do 90 % xa recoñecida á Cofradía.
A asociación afronta ademais unha orde de desaloxo do seu local, malia que un acordo plenario de 2018 establecía que o Concello asumiría a titularidade do espazo e cedería o seu uso á Cofradía. Os socialistas cuestionan que Portos reclame pagamentos á entidade por un local que debe ter como titular o Concello e coinciden coa directiva en que estas débedas poderían comprometer o acceso a subvencións fundamentais para organizar a festa.
“Sorprende que Portos de Galicia sexa máis coñecido en Ribeira por tentar expulsar as festas do Malecón que por facer o seu traballo: investir nas instalacións portuarias e soster o sector marítimo”, critica Suárez-Puerta.
O portavoz cuestiona tamén o discurso municipal: “Autodenomínanse o goberno das solucións. Será porque primeiro embarran a situación, logo preséntanse como os únicos capaces de resolvela e finalmente esperan os aplausos. Xa o vimos coas Festas de Verán, coa localización da residencia de maiores e co polígono industrial. Gobernar é evitar os problemas, non solucionar os que un mesmo provoca”.
“O diálogo é necesario, pero a solución non pode pasar por facerse fotografías coa alcaldesa. Se mañá multan un veciño nun control policial, ten que chamar á alcaldesa e facerse unha foto con ela para que lle retiren a sanción? Ou existe un procedemento que debe aplicarse con rigor? E hai outra reflexión que debemos facer: quen pode mandar retirar unha multa tamén pode mandar poñela. Por iso necesitamos solucións reais, documentos e compromisos por escrito, non conflitos artificiais que logo se presentan como grandes éxitos políticos”, insiste.
Finalmente, Suárez-Puerta fai extensivas á directiva as palabras que xa trasladou ao seu presidente: “Sei polo que están pasando, porque a min tamén me fixeron o mesmo. Coñezo o desgaste de ter que defenderse cando o único que se pretende é sacar adiante un proxecto. Toda a directiva ten o meu apoio persoal”. O PSOE ponse á disposición da Cofradía e apoiará as decisións que adopten os seus socios e socias neste conflito.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS