Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE levará ao Parlamento a reclamación de novos pasos de peóns na AC-566 en Narón

  • Os socialistas reúnense coa Asociación de Veciños do Val e denuncian que a Xunta rexeita habilitar novos pasos de peóns malia as reiteradas peticións veciñais e un informe da Policía Local que recomenda a súa incorporación

O PSdeG-PSOE volverá levar ao Parlamento de Galicia a reclamación de novos pasos de peóns na estrada autonómica AC-566 ao seu paso por Narón e presentará unha emenda aos orzamentos anunciados pola Xunta para 2027 co obxectivo de garantir o financiamento necesario para mellorar a seguridade viaria neste tramo.

Así o anunciaron os socialistas tras manter unha reunión coa Asociación de Veciños do Val, na que estivo o parlamentario Aitor Bouza e na que coñeceron de primeira man a preocupación da veciñanza pola velocidade á que circulan os vehículos e polos riscos que supón atravesar esta vía.

Os representantes socialistas lembran que a asociación veciñal leva desde 2024 reclamando a instalación de novos pasos de peóns e que mesmo existe, segundo trasladaron, un informe da Policía Local que recomenda a súa incorporación. Porén, a Xunta comunicou por escrito que non contempla acometer estas actuacións.

“Despois de todas as reclamacións por parte da asociación, e mesmo cun informe da Policía Local que recomenda a instalación dos pasos de peóns, a Xunta respóndenos por escrito que non contempla esta actuación. Non podemos aceptar que se ignore unha demanda que busca simplemente garantir a seguridade das persoas”, denuncian os socialistas.

O PSdeG considera especialmente preocupante a situación deste tramo da AC-566, unha estrada de titularidade autonómica na que, segundo sinalan, a velocidade dos vehículos e as dificultades para cruzar supoñen un risco para os peóns.

Neste sentido, os socialistas lembran que xa trasladaron esta problemática á Xunta e que, ante a súa resposta negativa, volverán elevar a reclamación ao Parlamento galego para promover un novo debate e esixir unha solución.

Ademais, anuncian que incorporarán unha emenda aos orzamentos autonómicos de 2027 para reclamar unha partida económica que permita executar as actuacións necesarias e mellorar a seguridade viaria neste punto.

“Imos volver levar esta cuestión ao Parlamento e presentar unha emenda aos orzamentos para esixirlle á Xunta de Rueda que non deixe novamente tirados aos veciños e veciñas que están reclamando simplemente ter máis seguridade. Só hai que achegarse a este tramo para comprobar a velocidade á que circulan os vehículos e a perigosidade que existe”, sinala o deputado socialista Aitor Bouza.

Os socialistas subliñan que a prevención debe ser unha prioridade e que non se pode agardar a que se produza un accidente grave para adoptar medidas de seguridade. “Non agardemos a que haxa un incidente que teñamos que lamentar. Estamos ao lado da veciñanza do Val e das súas reivindicacións, e seguiremos reclamando á Xunta que actúe para garantir a seguridade de todas as persoas que utilizan esta estrada», conclúe Bouza.


Aitor Bouza Narón – out26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes