Eleccións a Cortes Xerais na provincia da Coruña
CANDIDATURA AO CONGRESO – PSdeG-PSOE A CORUÑA
- 1. OBDULIA TABOADELA ÁLVAREZ

Doutora en Socioloxía e con formación de posgrao en Responsabilidade Social e Innovación Social, así como cun Programa de Liderado para a Xestión Pública. É profesora titular na Universidade da Coruña, onde desenvolveu a súa carreira académica e se especializou en mercado de traballo, migracións internacionais e estudos de xénero.
Ao longo da súa traxectoria compaxinou a actividade universitaria co desempeño de diferentes responsabilidades no ámbito público e político. Foi subdelegada do Goberno na Coruña, concelleira do Concello da Coruña e senadora durante a XIII Lexislatura. Posteriormente, exerceu como conselleira de Educación na Embaixada de España en Polonia, responsabilidade que desempeñou ata a súa elección como deputada pola Coruña na XV Lexislatura.
Durante a súa etapa no Congreso dos Deputados, formou parte da Deputación Permanente e de diversas comisións parlamentarias, entre elas as de Asuntos Exteriores, Defensa, Orzamentos e Industria e Turismo. Así mesmo, exerceu como voceira da Comisión de Ciencia, Innovación e Universidades, sumando este labor parlamentario a unha traxectoria profesional vinculada á universidade, á investigación e ao servizo público.
2. JULIÁN REINA VILLALÓN
Naceu en Málaga en 1984, pero con poucos meses a súa familia mudouse a Ferrol. Emancipouse moi novo, compaxinando de xeito continuado o traballo coa formación académica e técnica, incluíndo estudos de Turismo e Dereito. Acumula 23 anos de traxectoria laboral ininterrompida.
No ámbito laboral privado ten experiencia en sectores moi diferentes como camareiro, taxista, especialista en limpeza auxiliar en Navantia, xefe de negociado e xefe de planta de reciclaxe. Tamén conta con formación en dirección participativa por obxectivos, resolución de conflitos, negociación, liderado e comunicación.
É concelleiro socialista en Ferrol dende 2019 e foi o responsable durante catro anos das áreas de Urbanismo e Infraestruturas, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Contratación, Centro de Recursos Informáticos e Organización Interna, ademais de exercer como voceiro do Goberno municipal.
No ámbito orgánico, comezou a súa andaina na política activa en 2005 chegando a ser secretario xeral das XSG de Ferrol e presidente do Comité Nacional desta organización durante a miña mocidade, e posteriormente pasei a formar parte da Comisión Executiva Provincial en 2012.

3. ANA ALVITE GARCÍA

Naceu en Ribeira o 16 de febreiro de 2001. Estudou no IES Leliadoura, onde rematou o Bacharelato con matrícula de honra, e graduouse en Enfermaría pola Universidade de Santiago de Compostela en 2023. Desenvolve a súa actividade profesional na área sanitaria do Barbanza, con experiencia en distintos centros de saúde e, actualmente, no servizo de quirófano. Conta cun nivel B2 de inglés e B1 de francés.
Comprometida coa política desde os 18 anos, foi secretaria de Benestar e Políticas Sociais das Xuventudes Socialistas de Galicia durante o mandato de Xurxo Doval. Desde marzo de 2025 forma parte da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG-PSOE e, desde xuño de 2026, exerce como secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia. Ademais, foi candidata número dous nas eleccións municipais de 2023.
4. JORGE ROMERO PÉREZ
É concelleiro en Porto do Son desde 2019 e actualmente exerce como voceiro do grupo municipal.
É traballador autónomo e empresario do sector da hostalaría desde 2011, con experiencia na xestión de negocios, na coordinación de equipos de traballo e na administración económica. Colabora con diferentes asociacións do concello e é presidente da Asociación da Festa Hortera desde 2016 e da Peña Deportivista Atalaia desde 2022.

5. BELINDA INSUA FUENTES

É enfermeira especialista en Saúde Mental e graduada en Lingua e Literatura Españolas pola UNED. Desenvolve o seu labor asistencial na Unidade de Saúde Mental do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, tanto en hospitalización como na consulta de prevención do suicidio, entre outras áreas.
É divulgadora en redes sociais a través de @bel_enfermeria e @bel_saludmental, onde promove a educación sanitaria, o coidado da saúde mental e a loita contra o estigma. Participa como relatora e formadora en xornadas e obradoiros sobre saúde mental, coidados e comunicación dixital en saúde.
Comprometida coa vida comunitaria de Xaviña, participa activamente en iniciativas locais, contribuíndo á dinamización social e cultural da súa parroquia.
6. JESÚS FERNÁNDEZ DIEZ
É profesor de Formación Profesional, enxeñeiro técnico industrial e avogado, cunha ampla traxectoria na Administración pública e nos sectores enerxético e ambiental.
Foi director da Área de Medio Ambiente do Concello da Coruña entre 2020 e 2023, profesor de FP desde 2004 e director de obra no sector privado. Conta con formación en Dereito e Enxeñaría Técnica Industrial, así como experiencia en xestión pública, eficiencia enerxética, climatización e cooperación internacional, con proxectos de infraestrutura enerxética en Malawi.
Tamén desenvolveu actividade política como concelleiro na Coruña entre 2011 e 2015 e en Oleiros desde 2023, onde é candidato á alcaldía para 2027, compatibilizando esta actividade coa súa profesión.

7. TAMARA GARCÍA MUÑIZ

Veciña de Rianxo, conta con formación superior en Xestión e Administración de Empresas e en Prevención de Riscos Laborais, así como con preto de oito anos de experiencia no ámbito da formación empresarial e da coordinación de actividades empresariais. Actualmente traballa nun servizo de prevención alleo, onde desenvolve funcións relacionadas coa coordinación da formación e coa prevención de riscos laborais.
Desde 2023 é concelleira do PSdeG-PSOE no Concello de Rianxo, compaxinando a súa actividade profesional coa responsabilidade pública e o compromiso coa veciñanza. Mantén, ademais, unha participación activa no movemento asociativo e na defensa da educación pública, colaborando coas asociacións de nais e pais e participando en mobilizacións para reclamar os recursos necesarios que garantan unha educación inclusiva, de calidade e en igualdade de oportunidades.
A súa traxectoria caracterízase pola implicación social, a defensa dos servizos públicos e o compromiso coa mellora da sociedade desde a proximidade á cidadanía.
8. ANDRÉS TEIJO HERMIDA
Andrés Teijo Hermida é un profesional especializado en Relacións Laborais e Recursos Humanos, con formación complementaria en Dirección e Xestión de Persoas e Administración e Finanzas. Conta cunha ampla traxectoria na Administración pública local, onde desempeña desde 2015 diferentes responsabilidades como concelleiro no Concello de Betanzos, en áreas como persoal, obras públicas, urbanismo, educación, deportes, cultura, comunicación e novas tecnoloxías.
A súa experiencia combina a xestión de persoal e recursos humanos, a Administración pública, a coordinación de distintas áreas municipais e a xestión de proxectos e servizos. Así mesmo, conta con experiencia previa en tarefas administrativas e na xestión de establecementos de hostalaría, o que complementa o seu perfil con coñecementos de organización e xestión empresarial.

Suplente 1. INÉS RAMOS LÓPEZ

Naceu en 1999 e é veciña da Laracha. Obtivo o grao en Dereito na Universidade de León. Actualmente está a preparar oposicións, é voceira do Grupo Municipal da Laracha e forma parte da Comisión Executiva Provincial do partido.
Suplente 2. JORGE DOMÍNGUEZ CASTRO
É concelleiro do PSdeG-PSOE no Concello de Corcubión e coordinador comarcal de Costa Atlántica. Compaxina a súa actividade política co seu traballo como administrativo no departamento laboral dunha asesoría en Vimianzo.
É graduado en Administración e Dirección de Empresas pola UDC. Foi coordinador de Protección Civil en Corcubión e colabora habitualmente con diversas asociacións.

Suplente 3. GUADALUPE RODRÍGUEZ SILVA

Guadalupe Rodríguez Silva é licenciada en Psicoloxía Clínica e Social pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e conta cun máster en Psicoxerontoloxía. É técnica do Concello de Santiago de Compostela e responsable do Centro Sociocultural Maruxa e Coralia e da Biblioteca Pública Municipal José Saramago. Ademais, colaborou como profesora na USC.
Na súa traxectoria política, foi concelleira de Educación, Participación Cidadá e Normalización Lingüística entre 2007 e 2011. Actualmente forma parte das executivas local e provincial do PSdeG-PSOE e conta con experiencia no Comité Federal e en distintas executivas do partido.
Suplente 4. JOSÉ MANUEL PÉREZ ABELENDA
É un profesional técnico afincado na Coruña, con máis de 20 anos de experiencia en contornas industriais. Desde 2010 traballa en Gamesa Gearbox SA como técnico superior de Prevención de Riscos Laborais (PRL) e Medio Ambiente, posto no que xestiona sistemas de prevención, auditorías e normativa. Anteriormente, desempeñou funcións de produción e mantemento técnico na mesma empresa e noutras entidades.
Conta cun máster en Prevención de Riscos Laborais, unha diplomatura en Máquinas Navais e formación profesional en Máquinas Ferramenta. Destaca polas súas competencias en seguridade industrial, coordinación de actividades empresariais (CAE) e mellora continua. Ademais, ten un nivel B1 de inglés.

Suplente 5. MERCEDES PRIETO LAMAS

Naceu en Ferrol en 1969 e conta cunha traxectoria profesional de máis de 21 anos no ámbito da xestión e coordinación de equipos nun centro de atención telefónica (contact center), liderando persoas, organizando o traballo e velando polo cumprimento dos obxectivos.
No ámbito político, forma parte da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE da Coruña, é secretaria de Organización da Agrupación Socialista de Cambre e concelleira no Concello de Cambre desde 2023.
Suplente 6. ANTÓN MANUEL CILLERO LÓPEZ
Ten 25 anos e actualmente está a estudar o ciclo de Formación Profesional de Administración e Finanzas e o grao en Economía.
En canto á súa experiencia laboral, traballou durante varios meses no verán no sector da prevención, o que lle permitiu adquirir experiencia no ámbito laboral e desenvolver habilidades profesionais.

Suplente 7. LAURA SÁNCHEZ COUCEIRO
Nacida no 1984 en Oza Cesuras, onde reside. Actualmente é a voceira socialista no concello, actividade que compaxina coa súa profesión, gandeira.
Suplente 8. JESÚS MANUEL IGLESIAS VILARIÑO
Veciño de Frades, nacido en 1960. Foi policía local de Ordes ata 2021, actualmente xubilado. A súa experiencia na política activa destaca polo seu paso como concelleiro no concello de Frades do 2007 ao 2015.
Suplente 9. SANDRA MANEIRO PAIS

Naceu en 1980 e vive en Louro, no concello de Muros, lugar onde se criou.
A súa profesión é a de técnica en Coidados Auxiliares de Enfermaría, formación que cursou no CIFP Anxel Casal Monte Alto da Coruña. Traballou no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), nas unidades de UCI e Urxencias, así como no servizo de axuda no fogar. Ademais, traballou como dependenta nun pequeno supermercado da súa localidade.
Comezou na política en 2011 como concelleira de Servizos Sociais e Turismo, ademais de primeira tenente de alcalde. Actualmente é concelleira de Seguridade Cidadá do Concello de Muros.
Suplente 10. DIEGO GARCÍA LEGARRA
É estudante de Enxeñaría de Telecomunicación na EHU (Universidade do País Vasco). Traballou no sector da hostalaría como camareiro durante os veráns.

CANDIDATOS/AS DO PSdeG NA LISTA DA COALICIÓN SENADO DE PROGRESO
- 1. GUMERSINDO GUINARTE CABADA

Sindo Guinarte Cabada (Forcarei, 1961) é doutor en Dereito pola USC, onde exerce como profesor de Dereito Penal e Criminoloxía. Conta cunha ampla traxectoria académica e investigadora, así como cunha destacada experiencia política e institucional, na que ocupou cargos como o de vicevaledor do Pobo de Galicia e tenente de alcalde de Santiago de Compostela.
Actualmente compaxina a docencia e a investigación coa portavocía do Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago.
Suplente 1. MONTSERRAT GARCÍA CHAVARRÍA
É administrativa e traballou na dirección de Recursos Humanos dunha empresa privada entre 1986 e 1996.
Foi xuíza de paz das Pontes entre 1990 e 2007, deputada provincial entre 2007 e 2015, e primeira tenente de alcalde e concelleira no Concello das Pontes entre 2007 e 2019.
Tamén foi deputada no Congreso durante as XIII, XIV e XV lexislaturas.

Suplente 2. ANTONIO AGUSTÍN REGUEIRO RODRÍGUEZ

Naceu en Betanzos en 1952. Cursou os seus estudos nas Escolas García Hermanos e no Instituto Laboral de Betanzos, completando a súa formación nas universidades de Santiago de Compostela, Alcalá de Henares e A Coruña, nas áreas de Recursos Humanos, Relacións Laborais, Relacións Industriais e Economía.
Desenvolveu a súa traxectoria profesional por conta allea no sector bancario, desempeñando responsabilidades como director de oficinas, director de Persoal, codirector dunha xestora de patrimonios, secretario da Comisión de Prevención do Branqueo de Capitais e membro da Comisión de Relacións Laborais da Asociación Española de Banca (AEB), de ámbito estatal.
O seu compromiso social e sindical reflíctese na súa participación no Observatorio de Recursos Humanos e Relacións Laborais da Universidade da Coruña, no seu labor como secretario de Organización de UXP-UGT, na presidencia dunha asociación veciñal e na súa colaboración con AACC no Día da Ciencia na Rúa.
Persoa de conviccións socialistas e non crente, mantivo ao longo da súa vida un firme compromiso co mundo do traballo, coa participación cidadá e coa sociedade.
3. ALEJANDRO ANTONIO GARCÍA SOUSA
Conta cunha ampla traxectoria profesional vinculada aos ámbitos militar e industrial e á Administración local. Desenvolveu a súa carreira como militar profesional na Armada Española entre setembro de 1993 e febreiro de 2000. Desde agosto de 2002 traballa en Navantia, onde continúa na actualidade.
Ademais, desde 2015 exerce como concelleiro de Obras do Concello de Valdoviño, participando na xestión municipal e no desenvolvemento das infraestruturas e obras públicas do municipio.

Suplente 1. GEMA FERNÁNDEZ CUÍÑA
Reside en Oleiros e ten estudos na rama sanitaria.
Traballou como autónoma durante catro anos. É funcionaria do Concello da Coruña desde o ano 2000.
Suplente 2. CARLOS PERNAS FRAGUELA
Cariñés e concelleiro dende 2025 no seu concello. Estudou na Universidade de Santiago de Compostela o Grao en Química, o Mestrado de Investigación Química e o Mestrado de Formación de Profesorado.
Dende 2023 desenvolve a súa tese, tamén na USC, como investigador predoutoral FPU na área de Química Analítica, traballo que compaxina cos meus labores dentro da agrupación local de Cariño.
