O PSOE denuncia novas deficiencias graves no transporte por bus en Ferrolterra
- Alumnado do IES As Telleiras de Narón quedou sen servizo na parada da avenida de Santa Icía, a 5 km do centro
O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña denuncia novas deficiencias graves no servizo de transporte público por estrada na provincia, e en particular nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Nesta ocasión destacan o caso do autobús con destino ao IES As Telleiras, xestionado por Monbus, que non pasou pola parada da avenida de Santa Icía, en Narón, deixando ao alumnado en terra.
“O meu fillo de 12 anos quedou tirado na parada, o autobús non pasou ou estaba xa cheo… practicamente todos os días chegan mensaxes como estas”, denuncian dende o PSdeG Provincial da Coruña.
Dende o Grupo Parlamentario Socialista anuncian que levarán esta cuestión ao Parlamento galego para esixirlle solucións á Xunta de Galicia e á Dirección Xeral de Mobilidade, que ten as competencias nesta materia.
“Falamos hoxe dun caso especialmente grave, ao tratarse dun servizo de transporte escolar e de rapaces menores de idade”, sinalan dende a agrupación provincial socialista. “Quedou o estudantado tirado nunha parada que se atopa a máis de 5 quilómetros do instituto”, engaden.
“Unha cousa son atrasos ou incidencias puntuais e outra que un autobús directamente non pase pola parada e deixe os rapaces alí esperando sen ningún tipo de aviso, e é unha situación excesivamente recurrente” subliñan dende o PSdeG.
“Imos seguir denunciando esta situación e levándoa aos concellos, ao Parlamento de Galicia e a onde faga falla ata que a Xunta de Galicia se faga cargo das súas competencias e solucione un problema que tanto afecta ao día a día da veciñanza e que non pode agardar máis”, conclúen.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS