Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Cambre denuncia o abandono do CEIP Emilio González López e a falta de mantemento do Concello nos centros educativos

  • O grupo municipal socialista visita o centro xunto ao responsable de Educación do PSdeG Provincial, Lois Carballido, e denuncia que o verán rematou sen que o Concello aproveitase o período sen alumnado para poñer ao día o mantemento

O Grupo Municipal Socialista de Cambre visitou onte o CEIP Emilio González López xunto ao responsable de Educación da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE da Coruña, Lois Carballido, para coñecer de primeira man a situación do centro e as necesidades que segue tendo a comunidade educativa. O que puideron comprobar é que o Concello “deixou pasar todo o verán sen abordar boa parte das actuacións de mantemento que necesitaban os centros educativos”.

“O verán é precisamente o momento no que o Concello debería aproveitar que non hai alumnado nos centros para facer obras, reparacións e actuacións de mantemento, pero no Emilio González López o curso comezou e seguimos atopando problemas que poderían e deberían estar solucionados”, denuncian.

Durante a visita, a comunidade educativa mostroulles diferentes deficiencias que afectan ao día a día do centro. Entre elas, un muro cunha fenda que preocupa polo seu estado, un almacén sen iluminación e con problemas de humidade, así como as dificultades para realizar actuacións tan básicas como trasladar material das aulas ao almacén. “Estamos a falar de mantemento básico, non estamos pedindo grandes obras nin actuacións extraordinarias, estamos falando de reparar, revisar, iluminar, trasladar material ou atender unha fenda nun muro, e nin sequera estas cuestións están sendo resoltas”, sinalan.

A situación agrávase pola falta de conserxe, un servizo que o Goberno municipal se comprometeu a prestar e que segue sen chegar ao centro. Para o PSOE trátase dunha nova promesa incumprida que afecta directamente ao funcionamento diario do colexio.

Os socialistas denuncian tamén a falta de resposta por parte do Concello. Tanto a dirección do centro como a ANPA presentaron diferentes solicitudes por rexistro, trasladando necesidades e reclamacións, pero seguen sen obter resposta.

“Non só non actúan, senón que tampouco contestan, as familias e a dirección levan tempo trasladando as necesidades do centro e a resposta do Concello é o silencio”, apuntan.

Durante a visita tamén se puxo de manifesto que as propias familias tiveron que implicarse na limpeza e acondicionamento da contorna do centro. “Que unha ANPA teña que asumir tarefas para mellorar a contorna do colexio porque a Administración non dá resposta é unha imaxe que debería facer reflexionar ao Goberno municipal”, sinalan.

O PSOE considera especialmente grave que o Concello non utilizase o período estival para acometer as actuacións de mantemento necesarias: “Non sabemos que fixo o Goberno municipal este verán nos centros educativos, pero o que sabemos é o que nos atopamos agora: problemas sen resolver, peticións sen contestar e necesidades que seguen pendentes”. “O verán pasou e o Concello perdeu unha oportunidade evidente para poñer os colexios a punto antes do inicio do curso”, denuncian.

Problemas que levan anos sen solución

Ás deficiencias de mantemento que corresponden ao Concello súmanse outras cuestións que son competencia da Xunta de Galicia e que levan anos sendo reclamadas pola comunidade educativa. É o caso dos baños do CEIP Emilio González López, cuxo estado foi trasladado novamente aos socialistas durante a visita. As familias levan anos reclamando a súa renovación e este verán chegouse a trasladar que se acometería a actuación. O verán rematou e os baños continúan sen ser renovados.

O mesmo sucede co comedor escolar, unha reivindicación que tamén vén de anos atrás. O PSOE xa levou esta problemática ao Parlamento de Galicia a través da deputada socialista Silvia Longueira, reclamando unha solución para unhas instalacións que non responden adecuadamente ás necesidades do alumnado.

“Aquí hai que diferenciar responsabilidades, os baños e o comedor son problemas que a Xunta leva anos sen solucionar e seguiremos reclamando que actúe, pero o mantemento ordinario do centro, as reparacións, a atención ás necesidades do edificio ou o conserxe son cuestións que debe atender o Concello e que non poden quedar esquecidas”, explican.

Un problema que afecta a todos os colexios de Cambre

Para o PSOE, o máis preocupante é que o que está acontecendo no Emilio González López non é un problema illado: “Poderiamos facer unha relación moi semellante das necesidades que presentan outros centros educativos de Cambre”. “O problema é que non vemos unha planificación nin unha actuación decidida do Goberno municipal para poñer ao día o mantemento dos colexios”, afirman.

Reclaman ao Concello que deixe de actuar a remolque das reclamacións das familias e que estableza unha planificación de mantemento para todos os centros educativos de Cambre, con actuacións concretas e prazos.

“Os colexios non poden depender de que unha ANPA insista, presente escritos ou acabe facendo pola súa conta tarefas que corresponden á Administración, o Concello ten que anticiparse ás necesidades, aproveitar o verán para actuar e garantir que os centros estean en condicións adecuadas cando comeza o curso”, apuntan.

O PSOE reclama finalmente ao Goberno municipal que responda ás solicitudes pendentes da dirección e das ANPAS, explique que actuacións de mantemento realizou nos centros educativos durante este ano e, especialmente, durante o verán, e presente unha planificación concreta das actuacións que vai executar nos próximos meses.

“O curso xa comezou, o momento de actuar era este verán e o Concello non o aproveitou, agora non vale esperar a que as familias volvan reclamar, hai que dar respostas e poñerse a traballar”, conclúen os socialistas.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes