Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE da Laracha critica a “falta de previsión” do Goberno local na mellora dos parques infantís e no servizo de conciliación

  • ”Aprobouse unha ordenanza en 2024 cun límite de 120 prazas que naceu obsoleto”, sinala ramos en referencia ao programa de conciliación

A voceira do PSdeG na Laracha, Inés Ramos, fixo balance das propostas debatidas no Pleno celebrado este xoves, no que o Grupo Municipal Socialista mantivo unha postura de apoio ás liñas de investimento propostas para o municipio, aínda que sinalou “importantes eivas de xestión e planificación por parte do Goberno local”.

No relativo ao proxecto de “Construción e mellora de parques infantís”, cun orzamento de 120.695,04 € para actuacións en Paiosaco, Lendo, Vilaño e Coiro, Ramos xustificou o apoio da súa formación para mellorar estes espazos nas parroquias, pero cualificou o investimento de “modesto” e de “modelo fotocopia”.

A voceira socialista criticou “que se repitan os mesmos elementos sen adaptarse ás necesidades locais e denunciou a ausencia de xogos adaptados para nenos con diversidade funcional, así como a falta de cubertas climáticas”.

Ademais, amosou a súa preocupación pola seguridade da localización escollida en Coirón, sobre un aparcadoiro público, e polos permisos pendentes ante organismos como Augas de Galicia, Patrimonio ou a Deputación.

Respecto á modificación da ordenanza do programa de conciliación Harmoniza o PSOE votou a favor do aumento de prazas pero denunciou a “falta de previsión” do executivo do PP. “Aprobouse unha ordenanza en 2024 cun límite de 120 prazas que naceu obsoleto”, apunta Ramos.

“Con 154 solicitudes sobre a mesa, reaccionan de urxencia e fixan o novo límite en 150 prazas, o que aínda deixa marxe para deixar familias fóra”, engadiu a socialista, quen esixiu o compromiso de “taxa cero” en listas de agarda e o persoal de apoio necesario.

Por outra banda, o grupo socialista apoiou a solicitude de fondos do POS+ Adicional 2/2026 da Deputación, que achegará 761.015,86 € ao concello. Inés Ramos salientou que o 100% do financiamento provén do organismo provincial, sen custo para as arcas municipais, aínda que lamentou “a falta de ambición do Goberno local ao destinar máis do 75% dos fondos exclusivamente ao reasfaltado de viais, no canto de apostar por proxectos de eficiencia enerxética ou servizos sociais.

Finalmente, sobre o acondicionamento do almacén municipal da Rúa Ponte da Balsa, cun orzamento de 75.255,37 €, Ramos valorou positivamente a retirada do fibrocemento da cuberta por razóns de saúde e seguridade laboral, aínda que lembrou que a instalación se atopa fóra de ordenación e pediu “dilixencia nos trámites ambientais con Augas de Galicia para cumprir o prazo de execución de catro meses”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes