O PSdeG-PSOE da Laracha denuncia a “improvisación e a trampa orzamentaria” do PP coa reforma da RPT e o uso do remanente
- Inés Ramos cualifica de “pantasma” a modificación da RPT ao crear prazas no papel con cláusulas suspensivas e sen dotación económica para este ano 2026
- A voceira socialista advirte que botar man de máis dun millón de euros do remanente para parches illados non é aforrar, senón a proba de que o PP é incapaz de executar o orzamento en tempo e forma
O Grupo Municipal Socialista da Laracha amosou a súa “fonda preocupación e rexeitamento ante a xestión que o goberno local do Partido Popular levou ao último pleno, articulada sobre a modificación da Relación de Postos de Traballo e a mobilización de máis dun millón de euros do remanente de tesouraría.
A voceira socialista, Inés Ramos, cualificou a modificación da RPT de “trampa” e denunciou que, tras 17 anos sen actualizar de xeito integral a estrutura de persoal do Concello, “esta proposta de reforma da RPT é un escaparate político e un parche de urxencia.
A socialista sinala que “aínda que se vende unha ampliación da plantilla a realidade é que a maioría das novas prazas inclúense baixo unha cláusula suspensiva, é dicir, sen crédito nin asignación económica para este exercicio 2026 e postergadas a orzamentos futuros”.
“Traen á Laracha unha RPT pantasma, venden no papel o que non van pagar hoxe”, lamenta Ramos. “Crear prazas sen diñeiro no orzamento deste ano non resolve as necesidades da veciñanza nin a falta de persoal en servizos clave; é pura propaganda”, denunciou.
A voceira fixo especial fincapé na situación da Policía Local e dos Servizos Sociais, “onde o déficit estrutural se pretende tapar con anuncios sen respaldo financeiro real mentres a seguridade e a atención cidadá acumulan deficiencias.”.
“Un millón de euros gardado na hucha mentres o rural ten carencias”
En paralelo á RPT, o PSOE da Laracha criticou a utilización do remanente de tesouraría para financiar “investimentos improvisados, que deberían estar planificadas e contempladas no orzamento ordinario dende o primeiro día do ano”. ” Un millón de euros gardado na hucha mentres o rural ten carencias”, sentencian.
Para Inés Ramos, presentar este gasto como un logro é tentar enganar á veciñanza: “Ter un millón no banco mentres A Laracha ten necesidades urxentes en servizos básicos non é aforrar, e é ter os deberes sen facer.” Ese diñeiro estaba parado simplemente porque o PP foi incapaz de executar o orzamento en tempo e forma”, apunta.
A voceira socialista advertiu de que a lista de obras financiadas con este remanente responde a “parches e arranxos illados para buscar a foto”, sen dar resposta aos problemas estruturais do Concello: “En vez de xestionar con rigor desde xaneiro, o goberno do PP funciona a golpe de impulso e de titular”.
“A Laracha non precisa un goberno que viva de facer promesas no papel e de tirar da hucha a última hora; precisa planificación, transparencia e servizos públicos reais dende o primeiro día do ano”, concluíu Inés Ramos.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS