O PSdeG de Frades critica a negativa do Concello a negociar co Estado a transferencia da nacional 635 ao seu paso por Ponte Carreira
- Enrique Astray lamenta a “deixadez” e o “esgotamento” do goberno local
O PSdeG-PSOE de Frades critica a negativa do Concello a negociar co Estado a transferencia da estrada nacional N-634 ao seu paso polo núcleo de Ponte Carreira e a súa reticencia a debatir a cuestión no pleno.
O voceiro socialista local Enrique Astray explica que o seu grupo municipal presentou unha moción para debatir a cuestión no pleno pola vía de urxencia, e dita urxencia foi denegada polo goberno do PP de Frades.
Astray explica que “o Grupo Socialista Local mantivo recentemente un encontro con Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia, no que este amosou a disposición do Estado a transferir ao Concello a nacional 634 ao seu paso por Ponte Carreira”.
“En consecuencia, anunciamos que iamos presentar unha moción neste sentido, xa que a transferencia ten que ser acordada e aprobada no pleno”, explica o voceiro socialista local.
“A denegación do caracter de urxencia da moción xa amosa a postura do PP de negarse a debatir, marcada polo nerviosismo e desasosego que teñen respecto a esta cuestión”, lamenta o socialista.
Lembra tamén que o alcalde Roberto Rey “admitiu que non ía volver negociar co Estado, que non ía volver negociar coa Demarcación de Carreteras, e iso é un claro signo de deixadez institucional”.
“O alcalde dixo que este asunto non era urxente, a pesar de tratarse dunha cuestión absolutamente prioritaria para Frades”, critica o voceiro socialista. “Non queren debatir porque saben que non teñen argumentos”, engade.
“Non deixa de ser un signo máis do cansancio e o esgotamento que presenta este goberno local, que sabe que vai perder a alcaldía de Frades e por iso xa se nega a falar co Estado”, apunta Astray. “Deixadez, altivismo, ou as dúas cousas á vez”, conclúe.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS