Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE da Laracha leva ao pleno de xullo unha batería de iniciativas “para solucionar problemas reais dos veciños e veciñas”

  • Inés Ramos esixe arranxar accesos perigosos e mais mellorar servizos básicos abandonados polo goberno local, e pide claridade sobre a planta de biogás en Soandres

A voceira do Grupo Municipal Socialista da Laracha, Inés Ramos, leva ao pleno ordinario de xullo un conxunto de mocións, rogos e preguntas centradas en “dar resposta a demandas veciñais urxentes e denunciar a xestión do goberno do PP no municipio”.

“A política máis útil é a que resolve o día a día da xente, e por iso levamos ao pleno os problemas que o goberno local prefire ignorar”, sinala Inés Ramos. “Facémolo para solucionar problemas reais dos veciños e veciñas”, engade.

Mellora do acceso ao lugar de Bustelo

Por unha banda, SdeG-PSOE presenta unha moción para solucionar o estrangulamento do camiño de acceso a Bustelo, en Vilaño, que conecta coa estrada DP-2404.

Trátase dunha vía moi estreita onde os vehículos de emerxencia, ambulancias ou bombeiros, e os servizos diario como o gasóleo de calefacción teñen graves dificultades para acceder.

O grupo socialista reclama un estudo técnico para ampliar, mellorar o trazado e asfaltar a vía, xestións cos propietarios para as cesións de solo necesarias e a inclusión deste proxecto no vindeiro Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña e a súa execución urxente.

Rectificación nos horarios de verán da piscina

A formación socialista denuncia os recortes de servizos municipais durante os meses de xullo e agosto, período no que a piscina pecha de luns a venres entre as 13:30 h e as 19:00 h, abre só polas mañás as fins de semana e permanece pechada os festivos.

O PSdeG larachés esixe ao goberno local a eliminación deste peche de cinco horas e media todas as tardes e a contratación ou reorganización do persoal necesario para manter un servizo digno sen subir as cotas á veciñanza.

Por outra banda, Inés Ramos pide transparencia ao alcalde tras admitir o PP que o Concello xa recibira información sobre o proxecto de planta de biogás en Soandres no ano 2022, momento no que o rexedor afirmou no pleno “non saber nada”. A voceira socialista demanda coñecer as datas exactas dos rexistros e que xestións se fixeron desde entón.

Mantemento da área canina

A través dun rogo, o grupo socialista alerta do abandono da área canina situada entre a avenida Manuel Fraga e a DP-2404, onde son os propios usuarios os que fan amaños caseiros con bridas no valado.

O PSOE esixe repor a porta de entrada roubada e recuperar a dobre porta de seguridade, nivelar o terreo para tapar fochancas e reparar o bebedoiro e realizar traballos periódicos de roza, limpeza e desinfectación.

Por último, o PSdeG-PSOE traslada ao Pleno as queixas dos veciños de Currelos de Arriba pola falta de contedores de lixo e os desbordamentos cando a recollida coincide en festivo. Pídese un incremento de contedores, a reparación inmediata dun burato perigoso xunto ao punto de recollida e un plan de mellora do firme nos accesos ao lugar.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes