Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG logra o apoio unánime para que Ribeira elabore un regulamento para ordenar as autocaravanas

  • Os socialistas critican que o PP aprobase preto de 900.000 euros en novos gastos apenas un mes despois duns orzamentos que, segundo denuncian, xa naceron “afastados da realidade”

O Grupo Municipal Socialista conseguiu no pleno celebrado onte a aprobación da súa proposta para que o Concello de Ribeira redacte un regulamento sobre as autocaravanas. A sesión estivo marcada tamén pola aprobación dun suplemento de crédito de 900.000 euros que, segundo o PSdeG de Ribeira, confirma a falta de planificación do Goberno local.

Os socialistas apoiaron a modificación orzamentaria por incluír actuacións necesarias, pero lembraron que xa advertiran de que os orzamentos estaban “afastados da realidade”. Suárez-Puerta puxo como exemplo a escola infantil municipal, onde os informes técnicos recollen temperaturas de entre 26 e 38 graos.

“Estamos falando de nenos e nenas de entre 0 e 3 anos. Se o PP tivese elaborado uns orzamentos acordes ás necesidades reais de Ribeira, estes menores non terían que pasar este verán nestas condicións”, afirmou.

O voceiro socialista criticou que o propio executivo recoñecese que xa contaba con recorrer ao remanente de tesouraría cando elaborou os orzamentos. “Primeiro cadran as contas e despois incorporan gastos perfectamente previsibles”, denunciou.

Durante o pleno debateuse a instalación de aseos públicos nas festas de todas as parroquias. O Grupo Municipal Socialista reiterou o seu apoio á medida e defendeu que é plenamente viable. “Se non se instalan máis baños non é por falta de cartos, senón por falta de vontade política. Se o Goberno quixese, podería aprobalo mediante un suplemento de crédito como acaba de facer hoxe”, sinalou o concelleiro socialista.

Outra das iniciativas do PSdeG permitiu poñer o foco no estado do lavadoiro da Penisqueira. A proposta saíu adiante mediante unha emenda do PP, sen asumir compromisos concretos, aínda que os socialistas consideran positivo que o debate servise para impulsar o mantemento dunha obra executada hai apenas tres meses e que xa presentaba un estado lamentable.

A proposta do PSdeG para regular as autocaravanas foi aprobada por unanimidade. O futuro regulamento permitirá ordenar a presenza destes vehículos, favorecer o uso das áreas privadas habilitadas e evitar a ocupación prolongada do espazo público.

“Non se trata de ir contra o turismo de autocaravana, senón de ordenar esta actividade para compatibilizala coa convivencia e co respecto ao espazo público. A regulación tamén contribuirá a potenciar os negocios de Ribeira que ofrecen áreas habilitadas para este tipo de vehículos”, destacou Suárez-Puerta.

No apartado de rogos e preguntas, os socialistas pediron á alcaldesa que aclarase se o futuro polígono industrial conta cunha asignación económica concreta da Xunta, sen obter resposta.

Tamén reclamaron explicacións sobre a Escola de Deportes Náuticos de Aguiño, fóra de prazo desde o 26 de marzo, sen que o Goberno aclarase se sancionará á empresa adxudicataria. “Ribeira necesita un Goberno serio, que planifique e defenda os intereses da veciñanza”, concluíu o portavoz socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes