O PSdeG de Pontedeume valora positivamente o anuncio da Xunta sobre a recuperación dos bancos marisqueiros
- Os socialistas lembran que, dende o primeiro momento, estiveron ao lado da Confraría de Pescadores de Pontedeume e dos profesionais do mar
A Agrupación Socialista de Pontedeume valora positivamente o anuncio realizado pola Xunta de Galicia dun investimento de preto de 400.000 euros para a recuperación dos bancos marisqueiros da ría de Pontedeume. Dende a agrupación explican que “trátase dunha actuación necesaria e que chega despois de meses de insistencia por parte do Partido Socialista para denunciar a situación de abandono que sufrían o marisqueo a pé, o marisqueo a flote e o sector das artes menores”.
Os socialistas lembran que, dende o primeiro momento, estiveron ao lado da Confraría de Pescadores de Pontedeume e dos profesionais do mar, trasladando as súas demandas ás institucións e reclamando solucións reais ante unha situación que puxo en risco o sustento de numerosas familias da nosa vila.
O Grupo Municipal Socialista levou ao Pleno do Concello unha moción, consensuada coa propia Confraría, na que se instaba á Xunta de Galicia a asumir as súas responsabilidades, establecer unha mesa de negociación co sector, habilitar compensacións económicas pola paralización da actividade e desenvolver un plan de recuperación dos bancos marisqueiros.
Paralelamente, o Grupo Parlamentario Socialista trasladou esta mesma reivindicación ao Parlamento de Galicia mediante unha batería de iniciativas para “esixir á Consellería do Mar que deixase de mirar para outro lado e actuase con urxencia ante a grave situación que atravesaban os profesionais do mar en Pontedeume”.
Desde a Agrupación Socialista consideran que o anuncio realizado agora pola Xunta evidencia que as reivindicacións formuladas polo PSOE eran necesarias e estaban plenamente xustificadas.
“Levamos meses advertindo de que Pontedeume non podía seguir esperando. Mentres os profesionais do mar vían como se paralizaba a súa actividade e diminuían os seus ingresos, o Partido Socialista foi a única forza que levou esta problemática de maneira coordinada ao Concello e ao Parlamento de Galicia, reclamando solucións concretas e inmediatas.”
Os socialistas subliñan que “nunca buscamos a confrontación política, senón que a Xunta asumise as súas competencias e respondese coa rapidez que merecía un sector estratéxico para a economía e a identidade de Pontedeume”.
“Celebramos que, finalmente, se anuncie este investimento, porque supón unha boa noticia para a nosa ría e para os seus profesionais. Pero tamén é necesario lembrar que esta resposta chega despois de meses de reclamacións, iniciativas institucionais e presión política impulsadas polo Partido Socialista.”
A Agrupación Socialista destaca que a recuperación dos bancos marisqueiros é unha medida imprescindible, pero considera que non debe ser o punto final. “Seguiremos esixindo que este plan se execute con rigor, que os fondos cheguen con axilidade e que os mariscadores e as mariscadoras conten co apoio necesario ata que a actividade recupere plenamente a súa normalidade.”
Finalmente, o PSOE de Pontedeume reafirma o seu compromiso co sector pesqueiro e marisqueiro da vila: “Estivemos ao lado da Confraría cando reclamaba axudas, estivemos no Pleno defendendo as súas reivindicacións, levamos a súa voz ao Parlamento de Galicia e seguiremos facéndoo sempre que sexa necesario. Porque defender o mar de Pontedeume é defender o emprego, a economía e unha parte esencial da nosa identidade.”
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS