Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Pontedeume esixe ao Goberno de España e á Xunta a mellora do transporte público por tren e autobús na bisbarra

  • O Grupo Municipal Socialista presentará unha moción neste senso no vindeiro pleno

O Grupo Municipal Socialista de Pontedeume presentará no pleno municipal unha moción para esixirlle ao Goberno de España e á Xunta de Galicia a mellora do transporte ferroviario e por autobús nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

A moción que será presentada polo grupo de goberno en Pontedeume afirma que “o transporte público constitúe un servizo esencial para garantir a igualdade de oportunidades, favorecer a cohesión territorial, impulsar a sustentabilidade ambiental e asegurar o desenvolvemento económico e social dos municipios”.

“Pontedeume, como vila de referencia da comarca do Eume e cunha importante actividade económica, educativa, turística e cultural, precisa contar cun sistema de transporte público moderno, eficiente e adaptado ás necesidades reais da súa veciñanza”, prosegue o texto.

Porén, sinálase que “a realidade que viven diariamente centos de persoas evidencia importantes carencias tanto no servizo ferroviario como no transporte interurbano por estrada”.

O alcalde socialista de Pontedeume, Bernardo Fernandez Piñeiro lembra que o Concello “leva anos mantendo unha posición firme na defensa da liña A Coruña–Ferrol, remitindo distintos escritos aos sucesivos Gobernos do Estado e aos organismos competentes reclamando os investimentos necesarios para modernizar a infraestrutura”.

Subliña tamén que o grupo socialista “apoiou de maneira constante e decidida as reivindicacións da Plataforma Queremos Tren, compartindo a súa defensa do ferrocarril público e participando nas distintas accións e reclamacións promovidas pola plataforma”.

O rexedor defende “a recuperación de frecuencias, mellores horarios, máis paradas na estación de Pontedeume e, en definitiva, un servizo digno que contribúa á mobilidade sostible e á vertebración do territorio”.

Para o socialista, a pesar das reiteradas demandas trasladadas tanto polo Concello como pola sociedade civil, “a situación continúa sen experimentar a mellora necesaria, polo que resulta imprescindible que o Ministerio de Transportes, Renfe e ADIF impulsen con carácter prioritario os investimentos pendentes e adopten as medidas precisas”.

No relativo ao transporte interurbano por estrada, o texto da moción apunta que a xestión desenvolvida pola Xunta continúa a ser insuficiente: “A redución de frecuencias, a supresión de servizos, os horarios pouco funcionais, a escasa coordinación entre liñas e as dificultades para acceder aos principais centros sanitarios, educativos e administrativos condicionan a mobilidade diaria da cidadanía”.

Hai xa varios meses mantívose unha reunión na Delegación Territorial da Xunta en Ferrol na que representantes dos concellos afectados por esta situación, incluíndo o de Pontedeume, trasladaron as numerosas deficiencias do servizo. A Xunta comprometeuse a estudar as reclamacións formuladas e a adoptar medidas.

“Porén, a día de hoxe non se produciu ningún avance, e a veciñanza continúa padecendo a redución de frecuencias, o incumprimento reiterado dos horarios, autobuses completamente abarrotados que deixan persoas nas paradas sen poder acceder ao servizo ou situacións como a acontecida hai apenas unhas semanas, cando determinados autobuses non realizaron o seu percorrido sen previo aviso”, afirma Fernández.

O Grupo Municipal Socialista impulsou numerosas reclamacións á Xunta de Galicia, facendo propostas á Consellería competente e reclamando, en definitiva, unha mellora do servizo. “Con todo, estas reivindicacións continúan sen obter unha resposta satisfactoria por parte da administración autonómica”, lamenta o alcalde.

“Se realmente queremos avanzar cara a unha mobilidade máis sostible, reducir as emisións contaminantes e combater o despoboamento, resulta imprescindible que as administracións competentes garantan servizos públicos eficientes e de calidade”, salienta o rexedor eumés.

“O Concello debe seguir liderando esta reivindicación ata que as administracións competentes dean resposta ás demandas históricas do noso municipio e da comarca”, conclúe.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes