Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Ribeira denuncia que a Xunta, Xestur e o PP bloquearon durante anos o financiamento do polígono “por motivos partidistas”

  • A agrupación socialista critica que a Xunta mantivo un patrón de bloqueo contra Ribeira nas festas, na residencia de maiores e agora no polígono industrial

O PSOE de Ribeira considera que o anuncio de que Xestur asumirá a actualización do proxecto, o financiamento, a licitación e a execución das obras do novo polígono industrial confirma o que os socialistas veñen advertindo desde hai tempo: un proxecto desta dimensión non podía depender só da capacidade económica do Concello e precisaba da implicación real da Xunta de Galicia.

O portavoz socialista, Fran Suárez-Puerta, destacou que, se o proxecto chegou ao punto no que se atopa hoxe, foi grazas ao traballo desenvolvido polo goberno municipal anterior, do que formaba parte o PSOE. “A Xunta entra agora porque había un traballo previo feito, porque houbo xestión, tramitación e impulso municipal. Se estamos neste punto é porque o goberno anterior conseguiu avanzar o proxecto ata esta fase”, afirmou.

Suárez-Puerta lembrou tamén que o proxecto herdado do Partido Popular arrastraba erros graves na súa delimitación, chegando mesmo a incluír parcelas situadas no termo municipal da Pobra do Caramiñal, co atraso administrativo que iso provocou.

“É difícil falar de boa xestión cando nin sequera foron quen de delimitar correctamente o ámbito dentro dos límites do seu propio concello. Fronte a esa situación, foi o goberno anterior, coa participación do PSOE, quen tivo que impulsar a tramitación para conseguir que Ribeira chegase ata aquí”, subliñou.

O portavoz socialista considerou que a entrada de Xestur demostra que a Xunta podía implicarse moito antes. “Durante anos, mentres o PP non gobernaba en Ribeira, a Xunta escudouse en que o polígono era un proxecto municipal para non colaborar de maneira real.

De feito, nin Xestur nin a Consellería de Economía e Industria querían simplemente sentarse a escoitar o proxecto. Pero agora todo son facilidades: de súpeto, Xestur asume a modificación técnica, o financiamento e a futura execución das obras. Queda claro que podían facelo e decidiron non facelo antes”, declarou.

Suárez-Puerta enmarcou esta situación nun patrón que Ribeira xa coñece: “É o mesmo que pasou coas festas de Ribeira, coa residencia de maiores e agora co polígono industrial”.

“Desde Santiago bloquean, atrasan ou deixan morrer os asuntos cando non goberna o PP; e despois, cando interesa politicamente, aparece unha foto coa señora Sampedro e parece que todo se arranxa. Como dicía Aznar, ‘quen poida facer, que faga’; e a Xunta fixo: fixo todo o posible para frear Ribeira cando non gobernaba o PP”, denunciou.

O portavoz socialista incidiu en que agora a actuación debería avanzar con garantías. “Agora o Concello conta coa financiación porque o PP local e o PP na Xunta decidiron activar unha colaboración que antes negaron durante anos. Agardamos que todo avance o máis rápido posible, porque Ribeira necesita este polígono, pero polo de agora non comeza ningunha obra. Hoxe temos un anuncio e unha foto máis no álbum da alcaldesa, non o inicio real dos traballos”, apuntou.

Suárez-Puerta concluíu pedindo non confundir propaganda e realidade: “O polígono avanza agora porque a Xunta decide facer o que antes puido facer e non fixo, pero tamén porque había un traballo previo do goberno anterior. O tempo vén darlle a razón ao PSOE cando advertía de que un proxecto desta dimensión non podía executarse sen financiamento externo”. “O que ata hai nada non parecía importarlle á señora Sampedro hoxe preséntase como unha gran solución. Ribeira perdeu tempo por unha decisión política da Xunta e do PP de Ribeira, non por falta de vontade nin de traballo do Concello anterior nin do PSOE”, concluíu.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes