Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG da Laracha denuncia o “abandono” de Currelos de Arriba, con “lixo acumulado e falta de mantemento e seguridade”

  • A voceira socialista Ines Ramos visita a zona e esixe ao goberno municipal unha actuación inmediata ante situacións que poñen en risco a seguridade dos veciños

O PSdeG-PSOE da Laracha denuncia o “estado de abandono” no que se atopa o núcleo rural de Currelos de Arriba, na parroquia de Soandres. A voceira da agrupación socialista, Ines Ramos, realizou esta semana unha visita ao lugar para comprobar sobre o terreo as deficiencias, como “lixo acumulado, infraestruturas perigosas e falta de mantemento”, e reclamar solucións ao goberno municipal.

Durante a visita, Ramos puido “constatar que o contenedor de lixo da zona leva días completamente cheo e rebordante, con bolsas acumuladas fóra do recipiente e materiais de construción depositados ao seu carón sen que o Concello procedese á súa retirada”.

“Non é admisible que os veciños de Currelos teñan que convivir con esta imaxe semana tras semana, o servizo de recollida non está a funcionar como debería neste núcleo”, afirmou a voceira socialista.

“Agravando aínda máis a situación, cando a recollida de lixo coincide en festivo, o servizo non se presta nin se reforza, simplemente non pasan, e o lixo queda acumulado ata a semana seguinte, provocando que en determinadas épocas do ano o contenedor permaneza cheo durante máis dunha semana, cun evidente impacto sanitario e visual para o núcleo”, engade.

“Noutros concellos, cando o camión non pode pasar nun festivo, pásase o día antes ou o día despois, aquí simplemente saltan a quenda e os veciños que se arranxen”, denunciou Ramos.

Para a socialista é “especialmente preocupante a situación detectada na beira da estrada, onde existe un burato de considerables dimensións que está sendo cuberto de xeito provisional cunha simple táboa de madeira podre”. “Esta solución” improvisada supón un risco evidente para calquera peón, especialmente para persoas maiores ou menores”, apunta.

“Isto non é un arranxo, é un accidente anunciado”, afirma a voceira socialista. “Cantos meses leva esa táboa aí? O Concello non pode mirar para outro lado”, indica. Tamén lamentou a existencia de “estradas sen mantemento nun entorno rural neglixenciado”.

“A estas problemáticas súmase o estado xeral das vías de acceso ao núcleo, con marxes sen rozar, vexetación invadindo a calzada e ausencia de beirarrúas ou elementos de seguridade viaria, déficits históricos froito da falla de atención por parte do goberno local como é o caso doutras parroquias rurais do municipio”, afirma.

Por todo isto, o PSdeG-PSOE da Laracha esixe “actuación inmediata”. Desde a agrupación socialista reclámase ao goberno municipal a limpeza e o baleirado urxente do contedor de Currelos de Arriba e revisión do calendario de recollida na zona. Tamén  a reparación inmediata do burato existente na beira da estrada, substituíndo a táboa de madeira por unha solución segura e definitiva.

Reclámase así mesmo un plan de mantemento periódico das vías rurais do municipio, con especial atención ás parroquias máis afastadas do núcleo urbano, e unha reunión coa veciñanza de Soandres para coñecer de primeira man as súas necesidades e dar resposta ás súas demandas. “Os veciños de Soandres pagan os seus impostos igual que calquera outro cidadán do municipio, non poden ser tratados como cidadáns de segunda”, salienta Ramos. “O goberno da Laracha ten a obriga de garantir servizos dignos en todo o territorio, e imos seguir reclamándoo desde a oposición”, conclúe.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes