O PSdeG reclama á Xunta a instalación urxente dun sistema de climatización na Residencia de Maiores de Caranza
Os socialistas levarán ao Parlamento unha iniciativa para esixir a dotación de aire acondicionado no centro e coñecer os investimentos previstos pola Xunta para mellorar as súas condicións.
O PSdeG rexistrou no Parlamento de Galicia unha iniciativa para reclamar á Xunta a instalación urxente dun sistema integral de climatización na Residencia de Maiores de Caranza, en Ferrol, tras as reiteradas queixas trasladadas por persoas residentes, familiares e persoal polas elevadas temperaturas que se rexistran nas instalacións durante os meses de maior calor.
O deputado socialista Aitor Bouza explica que esta iniciativa parte das demandas recibidas tanto das persoas usuarias como das traballadoras e traballadores da residencia. “Trasladáronnos unha situación na que, despois destes días e destas semanas de onda de calor, padeceron absolutamente estas inclemencias climatolóxicas por culpa de que a residencia de maiores non conta cun sistema de climatización adecuado”, denuncia.
Bouza advirte de que esta situación compromete o confort, o benestar e mesmo a saúde das persoas residentes, especialmente nun colectivo vulnerable ás altas temperaturas como son as persoas maiores, moitas delas con enfermidades crónicas, dependencia ou mobilidade reducida.
Os socialistas lembran que garantir unhas condicións dignas nos centros residenciais públicos é unha responsabilidade da Xunta de Galicia. Neste sentido, consideran imprescindible adaptar estas instalacións aos efectos do cambio climático, cada vez máis evidentes coa maior frecuencia e intensidade das ondas de calor, mediante investimentos que permitan ofrecer unha atención asistencial de calidade.
A través desta iniciativa, o Grupo Parlamentario Socialista insta á Xunta de Galicia a executar con carácter urxente as actuacións necesarias para dotar á Residencia de Maiores de Caranza dun sistema integral de climatización e aire acondicionado que garanta unhas condicións térmicas adecuadas para as persoas residentes, o persoal e as persoas visitantes. Ademais, solicita que os Orzamentos da Xunta incorporen unha partida específica e suficiente para financiar esta actuación e as obras complementarias que resulten necesarias.
Paralelamente, os socialistas preguntarán ao Goberno galego se ten previsto instalar un sistema de aire acondicionado na residencia e en que prazo, se dispón de informes técnicos sobre as condicións térmicas do centro durante os episodios de calor, que actuacións realizou nos últimos cinco anos para mellorar a climatización das instalacións e que investimentos contempla executar ao longo do presente ano.
“Non se pode deixar tiradas a todas estas persoas maiores que están a vivir estas altas temperaturas e unhas condicións absolutamente inhumanas”, afirma Bouza, quen reclama á Xunta que actúe “de maneira absolutamente inmediata”. O deputado socialista engade que “non só hai que falar das persoas maiores para facer titulares e fotos, senón que hai que garantir que teñan unha vida en condicións dignas”.
O PSdeG insiste en que as persoas maiores merecen vivir en condicións de dignidade, seguridade e benestar e reclama á Xunta unha resposta inmediata para corrixir unha carencia que considera incompatible cun servizo público asistencial de calidade.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS