O PSdeG de Ribeira lamenta que o PP e PBBI votasen en contra de esixir responsabilidades polas licenzas ilegais da gasolineira de Xarás
- O grupo socialista denuncia que nin o PP, nin o PBBI, nin a alcaldesa explicaron como se pagaría unha posible indemnización de 2.700.842,55 euros reclamada por unha soa empresa
O PSdeG de Ribeira lamenta que o goberno municipal do PP e do PBBI votase hoxe en contra de esixir responsabilidades xurídicas, patrimoniais e políticas das persoas que aprobaron as licenzas declaradas ilegais pola Xustiza para construír a gasolineira de Xarás.
O voto en contra produciuse no pleno extraordinario celebrado este xoves no Concello de Ribeira, convocado para abordar as consecuencias das resolucións xudiciais que anularon as licenzas concedidas para a implantación e posterior legalización da estación de servizo. Trátase dun asunto de enorme gravidade institucional, urbanística e económica, con posibles consecuencias directas sobre as arcas municipais.
O grupo socialista considera incomprensible que PP e PBBI se neguen a reclamar responsabilidades por decisións anuladas polos tribunais e que remataron coa orde de clausura e demolición da gasolineira. Máis aínda cando unha soa empresa reclama xa ao Concello de Ribeira 2.700.842,55 euros en concepto de responsabilidade patrimonial.
Durante o pleno, o PSdeG preguntou expresamente se esa reclamación pode condicionar proxectos fundamentais para Ribeira, como a construción do novo polígono industrial ou a posta en marcha das novas instalacións dos Servizos Municipais. Nin o PP, nin o PBBI, nin a alcaldesa responderon.
Tampouco aclararon como pensan afrontar unha posible indemnización, de onde sairían os cartos nin canto pode acabar custando realmente este procedemento.
O portavoz socialista, Fran Suárez-Puerta, sinalou que “non estamos falando dunha cuestión sen consecuencias. Estamos falando de 2.700.842,55 euros reclamados ao Concello por unha soa empresa, e o mínimo que merecen os veciños e veciñas de Ribeira é saber se isto vai afectar ao novo polígono industrial, aos Servizos Municipais ou a outros investimentos necesarios”.
A alcaldesa optou por desculpar os membros das Xuntas de Goberno Local que concederon as licenzas anuladas pola Xustiza. Para Suárez-Puerta, “é inaceptable que, despois de perder reiteradamente nos tribunais, todas e cada unha das veces, a resposta do goberno municipal sexa botar balóns fóra e protexer politicamente a quen tomou decisións que acabaron sendo declaradas ilegais”.
O PSdeG lembra que todos os tribunais sinalaron que se intentou crear unha ficción xurídica para dar aparencia de legalidade a unha gasolineira que finalmente acabou sendo declarada ilegal. Non estamos ante unha simple discrepancia técnica, senón ante unha sucesión de decisións políticas que a Xustiza foi desmontando unha por unha.
O portavoz socialista engadiu que “o máis grave é que todo isto rematou como era de esperar: cunha orde de clausura e demolición e cunha reclamación millonaria contra o Concello. E, aínda así, PP e PBBI prefiren votar en contra de esixir responsabilidades antes que defender con claridade os intereses dos veciños de Ribeira”.
Resulta especialmente significativo que quen antes mantiñan un duro enfrontamento público por este expediente hoxe voten xuntos para impedir que se esixan responsabilidades. O Sr. Mariño e a Sra. Sampedro pasaron de lanzarse graves acusacións políticas no pleno de 2022 a ir agora da man arredor dun asunto que pode custarlle millóns de euros ao Concello.
O PSdeG de Ribeira continuará defendendo que se actúe con transparencia, que se protexan os intereses económicos do Concello e que se esixan todas as responsabilidades que correspondan.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS